Temas: FRASEOLOXíA

“Facer (as) brochas”, “pescar pombos” ou “facer chatolas”, equivalentes, entre varias máis, a “dar cabezadas # moqueadas # toqueneos # coteleos”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 17/10/2021 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Ben seguro que a todos, nunha ou noutra ocasión na nosa vida, nos ten atacado o sono en situacións en que estabamos nunha posición non horizontal (sobre todo naqueles casos en que nos atopamos sentados), de tal xeito que inconscientemente, e normalmente con certa brusquidade, se nos move de forma reiterada a cabeza cara a abaixo, coma se nos caese: falamos do que en castelán (e, neste caso, tamén en galego) se adoita denominar como dar cabezadas.

Cartel de soñar en Lugo - Minimundos
Cartel de soñar en Lugo - Minimundos

Pero o certo é que na nosa lingua dispomos de bastantes máis secuencias lingüísticas que dan conta desta realidade, como deseguido poderedes comprobar:

Dar cabezadas

{= Mover alguén, de xeito inconsciente e con certa brusquidade, a cabeza cara a abaixo, coma se lle caese, por mor do sono, normalmente de xeito repetido ou reiterado.}

Dar cabezadas

Dar moqueadas

Dar toqueneos

Dar coteleos

[E MAIS]:

Facer (as) brochas

Pescar pombos

Facer chatolas

Facer madeira

Ex.: Decir te diría que la película estuvo muy bien, pero a la media hora de empezar ya estaba dando cabezadas.

Dicir diríache que a película estivo moi ben, pero á media hora de empezar xa estaba a dar cabezadas a dar moqueadas a dar toqueneos a dar coteleos a facer brochas a pescar pombos a facer chatolas a facer madeira.

● Tamén:

Poxar as leiras && Chamar os obreiros && Chamar polos xornaleiros && Rachar leña && Picarlle o buraz

Ex.: Dicir diríache que a película estivo moi ben, pero á media hora de empezar xa estaba a poxar as leiras a chamar os obreiros  a chamar polos xornaleiros  a rachar leña a picarlle o buraz.

● E inda tamén, como formas léxicas recolleitas na normativa:

Cabecear

Moquear && Cabecear && Toquear && Toquenear && Topenear && Monear && Cotelear

● E mesmo, como voces non recolleitas actualmente no DRAG (cando menos, non recolleitas co significado do que estamos a falar):

Pombear && Serrar && Acandilar

NOTAS:

1. Na locución poxar as leiras operamos unha adaptación á actual norma léxica, xa que en realidade está rexistrada (no traballo de Ramón Anxo Martíns Seixo “120 locucións verbais galegas”) como subhastar as leiras.

2. A forma verbal topenear tamén está rexistrada, no Glosario de voces galegas de hoxe, do profesor Constantino García, coas variantes tospenear e tospenexar.

E Franco Grande recolle así mesmo (tirada dunha lista de voces enviada por Laureano Prieto), no seu traballo Engadidos inéditos ó Diccionario galego-castelán, a variante topeñar.

3. Obsérvese a estreita relación entre a locución pescar pombos (tirada do Glosario de voces galegas de hoxe) e o verbo pombear (tirado da sección Palabras con memoria, da Asociación de escritoras/escritores en lingua galega).

E nótese, de igual xeito, a relación semántica entre a locución verbal facer madeira, a voz serrar (tiradas ambas as dúas do traballo “Dichos y refranes y dialecto vianés de Laureano Prieto (1951)” e mais a tamén locución verbal rachar leña [obtida neste caso da obra Unha maré de palabras (Contribución ao léxico do Morrazo)].

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Asociación de Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”1, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria.

- Ferro Ruibal, Xesús & Groba Bouza, Fernando: “Dichos y refranes y dialecto vianés de Laureano Prieto (1951)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 259-282. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Franco Grande, Xosé Luís: Engadidos inéditos ó Diccionario galego-castelán (1972-). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Otero Álvarez, Aníbal: “Contribución al léxico gallego y asturiano”. Archivum (Oviedo), IX, pp. 72-90. Ano 1959. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.

- VV.AA.: Unha maré de palabras (Contribución ao léxico do Morrazo). Xunta de Galicia–Museo Massó, 2005

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta