Analizando o parque móbil galego: son fiables a maioría dos vehículos que conducimos?

A crise de 2008 e a ligada á COVID deron senllas freadas ao mercado automobilístico. Unha consencuencia é a falta de renovación no parque móbil. Por outra parte, aumentan as vendas de vehículos de segunda man que, ás veces, pode dar como resultado a venda entre particulares de coches defectuosos e sen garantía que os cubra.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 16/10/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A idade media dos vehículos en Galicia está entre os 9 ou 10 anos, aínda que asociacións de consumidores apuntan a unhas cifras máis elevadas como 15 anos. En tal caso, na actualidade as vendas de vehículos novos está medio parada debido a varios factores. Un deles é a falta de compoñentes, consecuencia da falta de subministración mundial. Outro factor está en que as persoas, polo menos en Galicia, son moi conservadoras co seu vehículo e continúan con el “até que dure”. A isto súmaselle o mercado de segunda man sen pasar por concesionarios ou talleres especializados, a compravenda entre particulares, que permitiría a circulación de coches teoricamente aptos coa correspondente ITV, mais que se sofre unha avaría o ou a vendedora non se fai cargo da garantía.

Arquivo - Coches usados.. GANVAM - Arquivo
Arquivo - Coches usados.. GANVAM - Arquivo

PARQUE MÓBIL ENVELLECIDO

A idade media dos vehículos en todo o Estado é de nove a dez anos. “Somos o segundo estado da UE co parque móbil máis vello despois de Romanía” di Fermín Salgado de Bonaval Motor. Así, mentres no resto da Unión hai unha aposta decidida a favor da modernización e das vendas de vehículos ecolóxicos, as preferencias en España son as de manter o parque automobilístico existente.

“O coche cámbiase cando cae” di Fermín Salgado. O que implica esta actitude é, ademais da falta de renovación, a mala calidade na seguridade dos vehículos de cara protexer as persoas que os conducen. “Os actuais índices de seguridade tanto activa como pasiva, son moito máis elevados que vehículos de hai menos de dous anos”. Ás veces chega a nivel de autoconducción nivel 2 sinala o experto que incide neste punto para apuntar a unha maior redución de accidentes.

A falta de renovación da frota de vehículos particulares tamén implica un maior gasto en combustible e o aumento dos niveis de CO2. “Un vehículo actual emite un 30 ou 40% menos de CO2 que as posibles emisións doutro con máis de cinco anos de circulación” di Salgado.

Por outra parte, as vendas de vehículos decaeron en marzo de 2020 para recuperárense a mediados dese ano. “En 2021 temos datos máis difíciles de ananlizar, debido ás oscilacións por culpa das vagas de COVID”. A quinta vaga de COVID impediu un incremento nas vendas e iso aínda se sente hoxe en día con gráficas de venda “con picos de serra”. Sumado a isto tamén está a crise xerada pola falta de pezas, semiconductores, polos obstáculos no tráfico internacional de mercadorías.

ESIXIR SEMPRE A GARANTÍA POR ESCRITO

A demanda de vehículo de primeira man supón un volume do 90%. A comezos de 2020 a tendencia apuntaba tendecias en alza no mercado de segunda man, sobre todo en coches de 1 a 4 anos, en detrimento de vehículos novos. Isto indica unha busca da oportunidade por parte do cliente en vez de centrarse no que quere ou necesita.

“Hai moita compravenda entre particulares, o vendedor garante que o vehículo está apto para circular con todos os papeis en regra” din desde a asociación de consumidores ACOUGA. “Existen casos en que un vehículo mercado a un particular deixa tirada a unha persoa no medio da estrada”. O primeiro que se debe ter é unha garantía sobre o vehículo da que se fai responsable quen o vendeu porque ofreceu esas garantías.

O problema vén cando a persoa particular que actuou como vendedor non se fai responsable das avarías sen que se teña producido un accidente. “Soe suceder que vendedor non quere facerse cargo ou di que leven o coche ao taller para saber que pasou”. Non obstante, a resposta da persoa vendedora é que entregou en condicións cargando as responsabilidades no comprador.

Desde ACOUGA sinalan que tamén se dá a circunstancia de fallos en serie nun ou varios modelos. “Unha peza defectuosa nunha serie de modelos pode traer demandas de moitos clientes”. Isto fai que moitas veces, a empresa non queira asumir responsabilidades. O inicio dunha reclamación suporía para o fabricante facer fronte a unha cadea de demandas que non desexa asumir.

Os vehículos en Galicia teñen unha idade media que está entre os 10 e 15 anos, o que converte o noso parque móbil en obsoleto en todos os aspectos, desde seguridade até tecnoloxía, contaminación e eficiencia. Os plans de axudas para renovar o vehículo non parecen ter tido moito efecto se nos cinguimos ás cifras sobre a vida útil que se lle dá aos vehículos en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta