Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 18/10/2021 | Actualizada ás 18:15
A Marea Atlántica instou á alcaldesa, Inés Rey, a "cumprir os compromisos adquiridos na reunión do 28 de setembro co comité de empresa de Alu Ibérica". "Hai vinte días que prometeu acordar unha carta en apoio ao futuro da factoría, asinada por todos os grupos do concello, para remitila aos ministerios de Industria e Transición Ecolóxica e reclamarlles que atendan ás reivindicacións e asuman a súa responsabilidade na venda fraudulenta das instalacións", lembra.
A portavoz da Marea Atlántica, María García, sostén que "á alcaldesa cústalle respectar un compromiso tan sinxelo como redactar unha carta para defender os 400 postos de traballo directos que dependen da antiga Alcoa". "Parece claro que non ten a cabeza na defensa do emprego na Coruña, senón nos congresos, nas primarias do PSOE".
"Resulta difícil de entender este desinterese do goberno local mentres unha factoría competitiva e con futuro terminou sendo saqueada por unha empresa voitre, con prácticas delituosas, tras unha venda avalada polo Estado". "As instititucións non poden lavarse as mans agora", engade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.