O Sergas crea unha nova categoría de médicos de Primaria en centros de saúde que farán gardas nos PAC

Sindicatos afean esta medida "sen negociar" e advirten que as novas prazas anunciadas "non solucionan os problemas" en Atención Primaria.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/10/2021 | Actualizada ás 20:06

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) contará en 2022 coa nova categoría de facultativo especialista en Atención Primaria, que operará nos centros de saúde pero que tamén fará gardas nos puntos de atención continuada (PAC). Trátase dunha medida que incluirá a Xunta na lei de medidas que acompaña aos orzamentos do próximo ano e que representantes sindicais critican por crearse "sen negociar" con eles.

A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña, na Mesa Sectorial de Sanidade xunto a representantes sindicais
A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña, na Mesa Sectorial de Sanidade xunto a representantes sindicais | Fonte: Xunta de Galicia.

Esta é unha das novidades que avanzou a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña, ás organizacións sindicais na reunión da Mesa Sectorial mantida a partir das 12,00 do mediodía deste martes, unha hora despois dunha protesta protagonizada por CIG, CC.OO., UGT, Satse e CSIF ante a sede da Consellería de Sanidade en Santiago.

O departamento que dirixe Julio García Comesaña confirma a creación desta nova figura a través da lei de acompañamento ás contas de 2022, que será remitida este mércores ao Parlamento. Os novos facultativos especialistas en Primaria buscarán "paliar o grave déficit de médicos de familia" do sistema e as súas condicións serán obxecto de negociación en Mesa Sectorial, asegura a Consellería.

Ademais, Sanidade asegura que estas novas prazas incorporaranse "sen afectar os médicos de familia que desempeñan na actualidade o seu labor nos PAC e centros de saúde", o que de feito lles "evita a obriga de facer gardas".

As organizacións sindicais, a falta de coñecer máis detalles sobre esta categoría, critican que se vaia a crear "sen negociación" previa a través da lei de acompañamento dos orzamentos. "Din que por motivos de urxencia", apunta o responsable de sanidade de CC.OO. en Galicia, Javier González, quen tamén lamenta non saber "se vai ser un cambio de modelo na Primaria".

Neste contexto, a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, afea á Consellería que pida e prometa "boa fe" na negociación cando "acaban de presentar isto na lei de medidas" para 2022 sen deliberación previa en Mesa Sectorial.

De igual modo, os responsables da Consellería presentaron a categoría de dietista-nutricionista, que se poderá incorporar en Atención Primaria en función dos plans de saúde locais e prevese tamén para as áreas de Endocrinoloxía dos hospitais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta