Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2021 | Actualizada ás 12:36
O comité de empresa da compañía ElectroRayma, con máis de trinta anos de actividade no ámbito da electrónica e electricidade, emprazada no polígono industrial de Río do Pozo en Narón, demandou á Xunta, a través do Igape, que "tente dar unha vía de financiamento para a empresa".Así o demandou este venres o presidente deste colectivo, Roberto Montero (CIG), no que tamén hai representados delegados dos sindicatos UGT e CCOO.
Estas manifestacións realizounas o representante sindical á saída dunha nova mobilización, que se iniciou ás 10,30 horas desde a porta principal de Navantia Ferrol e que finalizou minutos máis tarde ante o edificio administrativo da Xunta, na praza de España, onde rexistraron dita petición dirixida ao Goberno autonómico.
Piden que lles "axuden a formar unha mesa de negociación para que se poida chegar a un acordo entre ElectroRayma e Navantia", xa que a auxiliar presentou unha demanda por ata 4,7 millóns de euros que manteñen que a debe a empresa naval pública polos traballos realizados na construción dos buques AOR para a Armada de Australia, por modificados realizados sobre os proxectos.
Montero detallou que a parte social foi coñecedora da existencia de "unha carta de ElectroRayma pedindo unha reunión á que Navantia contestou, o que pasa que sen data, ao que a nosa empresa propón ese encontro para luns e martes e tamén que na mesma estean presentes os axentes sociais".
ACTA PREVIA
A preguntas dos medios de comunicación sobre a posible participación nestes encontros dun axente externo a ambas as empresas en conflito, para poder cuantificar traballos, o representante da CIG detallou que "existe unha acta de Navantia, da época na que estaba o anterior director, onde se pedía unha tasación externa e nese documento xa se recollía que se utilizaría na negociación para traballar a partir do mesmo, o que non entendemos é porque ese documento quedou nunha mesa".
Noutra orde de asuntos, Roberto Montero detallou que o persoal continúa sen cobrar as dúas mensualidades que se lles deben, a extraordinaria de verán e a nómina de setembro. Ademais, sinalou que para este venres "está programada unha reunión en Facenda, para tratar de levantar o embargo que pesa sobre a empresa e desta forma poder cobrar algunhas facturas que están bloqueadas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.