Sanidade expón a reapertura dos centros masivos de vacinación para terceiras doses

A estes espazos acudirían as persoas menores de 80 anos. O conselleiro non descarta esixir o certificado covid en máis ámbitos para "garantir a seguridade e animar a xente a vacinarse".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2021 | Actualizada ás 13:36

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou a posible reapertura, pasado mediados de novembro, dos centros de vacinación masiva para administrar a terceira dose contra a covid a menores de 80 anos.

O responsable do departamento autonómico explicou este domingo durante unha visita ao recinto feiral de Silleda, onde se realizan as probas selectivas do Sergas, que para a mencionada data xa haberá bastantes menores de 80 anos que cumprisen os seis meses necesarios de cadencia entre doses, motivo polo que poden volver abrirse os centros masivos de vacinación.

Polo momento, informou Comesaña, a inxección da terceira picada avanza nos maiores de 80 anos --que xa cumpriron ese seis meses--, aos que se lles ofrecerá a partir deste luns a posibilidade de recibir a vacina contra a gripe. "O calendario de vacinación antigripal seguirá o seu funcionamento habitual nos centros de saúde", indicou o conselleiro respecto da campaña da gripe que comeza este luns para maiores de 65 anos e usuarios e traballadores de residencias.

Respecto da saída da situación de emerxencia sanitaria, Comesaña asegurou que "se avalía permanentemente" e mostrouse satisfeito cos datos epidemiolóxicos, "moi bos", aínda que matiza que o obxectivo "é que non haxa ningún paciente ingresado".

CERTIFICADO COVID

Por outra banda, e en canto ás restricións en hostalaría, lecer nocturno, o responsable de Sanidade comentou que "non se descarta" esixir o certificado covid noutros ámbitos "co obxectivo de garantir a seguridade sanitaria e animar ás persoas que aínda non estean vacinadas a facelo".

Preguntado pola ampliación de horarios, Comesaña aseverou que lles pareceu "o máis prudente" polo momento, pero que, como é habitual, as medidas revisaranse en 15 días.

Mocidade espera ser vacinada da primeira dose da vacina Moderna na Cidade da Cultura. César Arxina - Europa Press
Mocidade espera ser vacinada da primeira dose da vacina Moderna na Cidade da Cultura. César Arxina - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta