Por Xurxo Salgado | Compostela | 26/02/2014 | Actualizada ás 18:43
O crítico e xornalista Camilo Franco arrincou este mércores no CGAC a experiencia 'Queres ser arte contemporánea?' coa que pretende rexistrar cal é o nivel de implicación, de atención, de dedicación ou de interpretación que os espectadores teñen respecto das obras de arte contemporánea que se exhiben no centro.
"Invitar á xente a falar de arte contemporánea no CGAC parece unha redundancia ou unha obviedade, pero as grandes obviedades do mundo están soterradas pola lóxica dos iniciados. Non é seguro que cada sociedade teña o que mereza. Pero é seguro que a arte dunha sociedade é un espello con moito detalle do que sucede nela. Invitar a falar da arte contemporánea é invitar a falar da imaxe que devolve o espello das cousas que pasan", apunta Franco en declaracións ao GC.
Os encontros co público prolongaranse ata o sábado día 1 de marzo, en horario de 11h a 20h, durarán arredor de 15 minutos e tomarán como punto de partida o hall do CGAC para internarse a continuación na mostra 93, que ocupa os tres andares do centro. A cada unha das persoas entrevistadas faráselle un retrato no espazo que elixa ou coa peza que escolla e o resultado destes diálogos compartiranse diariamente no blog da web www.camilofranco.eu.
Camilo insiste que a súa iniciativa é unha "invitación ao espello". "E non se fala doutra cousa: de xente, comunidades, participación, democratización, dos asuntos públicos e da publicación dos asuntos. De redes, de colectivos, das masas estáticas e da necesidade de que os fantasmas deixen de percorrer Europa. Nunca tanto se falou, pero hai unha perversión moi humana: cando máis se fala dun argumento non é cando máis fai por el. Pasa no sexo. Cando se fala moito del é que hai falta. E non se fala doutra cousa, da participación, da democratización das decisións e da cada vez máis imprescindible democracia económica", suliña.
"Pero canto máis se fala da xente, menos parece estar. Quero dicir: está no discurso, pero o discurso non é o lugar no que deben pasar as cousas. Invitar á xente á dar a opinión é un exercicio de cortesía que non se practica", engade.
As persoas interesadas en participar poden concertar cita a través do correo electrónico (cgac.educacion@xunta.es ou cgac.prensa@gmail.com), do teléfono (981 54 66 02 - Virgina Villar), da web do CGAC (ligazón) ou das redes sociais: Facebook e Twitter.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.