GC Aberto

A Galiza profunda

Por admin | GC ABERTO | 04/11/2021

Comparte esta noticia

Ao que parece o esperpento segue a ser o espello deformante con que adoitan nos ollar dende España. Cando xa nos estavamos a repor da aldraxe dese sonado programa televisivo de cociña onde botaron man dos eternos tópicos e do noso acento, sae unha sentenza dunha

Un ancián camiña nun municipio rural galego. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Un ancián camiña nun municipio rural galego. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

xuíza de Marbella que retira a custodia do seu fillo dun ano a unha muller por vivir na Galiza profunda, onde seica non há múltiples posibilidades para o adecuado desenvolvemento da personalidade dun neno e para que medre nun ambiente feliz. O neno fica co pai en Marbella por ser unha cidade cosmopolita con infraestruturas, un bon hospital e todo tipo de colexios, públicos e privados. Segundo a xuíza, a Galiza profunda cae nunha zona da ría de Muros e Noia lonxe de todo e sen opcións laborais.

Pode que a xuíza non ande tan descamiñada co de situar a Galiza profunda en Noia pois de todos é sabido que esa vetusta vila foi fundada por Noé, o da arca, en recuados tempos, que a súa igrexa principal fica inconclusa e que alberga unha maldición. Tamén saberá a xuíza que acó está o conxunto de lápidas máis importante de Europa, co perigo que isto supón para unha criatura, a Feira medieval máis fetén e a mellor empanada de berberechos do mundo, despois da de Ferrolterra. Curiosidades ancestrais dun mundo atrasado. E anque está tan perto da Coruña e de Santiago, todos coñecemos que era terra de zapateiros e ben sabemos que o tronante e o demo frecuentavan ese oficio. Que oportunidades educativas e laborais vai ter un pequeno de un ano no que foi un dos portos máis importantes do Atlántico? Imos privar ao pequecho de chegar a ser o rei do tixolo ou o xeque da noite marbellí para rematar sendo un pobre mariscador que malvenda o ouro da ría a calquera restaurante malagueño?. E anque Noia tivo tres antigos hospitais no medievo cando Marbella aínda non fora reconquistada, agora havería que trasladar ao pequeno ao hospital de Santiago de se dar unha urxencia, dionolo queira, iso si, por unha autoestrada noviña. Por riba está esa torre inacabada coa lenda negra de que quen a rematara correría un destino fatal. E así foi cun cineasta que nos anos 70, elevou unha torre de cartón pedra para a rodaxe de A campá do inferno, precipitándose accidentalmente da torre e morrendo.

Que vai facer unha crianza entre a Cova da Moura e a Cascada de Argalo senón se criar coma un selvaxe megalítico ou se dourar ao sol, espido, no Castro de Baroña?Condearemos ao cativo a vivir coa súa nai como un simples muradán, exposto a esquecer a lingua de Cervantes, ese escritor castelán de apelidos galegos, por un galego con gheadas, poidendo ser políglota marbellí a facer negocios no Bounty Beach?. Poidendo vivir co seu pai nunha

cidade cosmopolita de próspera industria hoteleira e golfista no paraíso da España seca, deixaremos que a crianza viva coa nai que o pariu nunha terra de bruxas, perigosas sereas que de xeito vertolán afogan mariñeiros para levalos aos seus leitos mariños, maroutallos, serpes voadoras, urcos que agoiran morte, destripadores de antano, malos ollos, compañas, tangaraños, terroríficas lamias e lurpias, lavandeiras da noite que nos reclaman torcerlle as roupas dos defuntos, pedras abaladoiras, sortilexios e pentáculos do Ciprianillo, revoltas priscilianistas, santuarios de morte, ondas fecundadoras, rapas das bestas, krakens e congros xigantes?. É de recibo acaso privar a un neno de se desenvolver en medio de urbanizacións de turistas torrados ao sol que máis quenta en areais de grava ou de ter lecer no parque comercial de La Cañada con cen mil metros cadrados de tenda para os escasos días de chuvia non máis que para o meter nunha profunda ría onde a brétema pare pantasmas e chove que non escampara?

Que xuíza nos seus cabales, cambiaría o luxo asiático e chic de Puerto Banús onde nos seus restaurantes VIP se pode desfrutar dun centolo por un ollo da cara ou os dous pola mar brava

do porto de Muros ou Noia?.

Ben pensado e deixando a chacota, magoa que unha letrada non saiba que Noia estivo sempre ben comunicada, pola pedreira e vedraña Ponte Nafonso por onde ían e viñan persoas e mercadorías cara as bisbarras de Outes e pola Ponte de Traba, na antiga calzada romana, camiño da tan galega Braga. Pero aínda magoa máis que se lixe a palavra profunda para se referir ao mundo rural ou vilego como sinónimo de carente de cultura ou posibilidades de se desenvolver unha crianza no paraíso da Iberia vaciada.

Se a xuíza marbellí reparara no inferno que vai supor a suba da temperatura e das augas polo cambio climático libraría ao neno daquel clima abafante.

IOLANDA TEIXEIRO REI

FERROL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta