Anulan unha multa no estado de alarma por carecer a Policía de "lexitimidade para confinar"

Sinalan que o feito de declarar inconstitucional o primeiro estado de alarma "priva do respaldo normativo" a aplicación da figura da desobediencia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/11/2021 | Actualizada ás 12:42

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial da Coruña anulou unha multa imposta a un cidadán por un xulgado do penal por desobedecer aos axentes que lle requiriron que regresase ao seu domicilio porque estaba a incumprir o confinamento decretado no primeiro estado de alarma, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Os maxistrados revogaron a sanción porque entenden que o feito de que o Tribunal Constitucional declarase o pasado mes de xullo inconstitucional o primeiro estado de alarma "priva do respaldo normativo" que sustentaba a aplicación da figura da desobediencia.
En concreto, anularon a multa de 2.166 euros imposta polo Xulgado do Penal número 5 da Coruña ao recorrente e decretaron "o cesamento de calquera medida cautelar ou restritiva imposta no marco dese procedemento".

A Sala tivo en conta a resolución do Tribunal Constitucional a pesar de ser posterior á data da sentenza do Xulgado do Penal número 5 da Coruña e, mesmo, da interposición do recurso por parte do prexudicado.

"O pronunciamento de inconstitucionalidade priva á actuación policial da base xurídica que a lexitimaba", subliñaron os maxistrados, quen aseguraron que a lexitimidade do axente é "a esencia da actuación cuxo incumprimento polo requirido pode chegar a alcanzar natureza penal".

A causa da absolución, por tanto, é sobrevinda e allea á acción dos policías. Así, os xuíces incidiron en que o axente debe ter "competencia para ditar esa orde ou mandato", a cal, á súa vez, debe estar "revestida das formalidades legais", polo que queda excluído aquel mandato ou orde "que constitúa unha infracción manifesta, clara e terminante dun precepto constitucional ou legal".

A decisión do Tribunal Constitucional, segundo a Audiencia, "supera o momento inicial no que o cidadán ou particular non pode facer un exame de legalidade da orde ou mandato". Contra a resolución cabe interpor recurso de casación.

Xulgados de Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo
Xulgados de Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta