O sector da conserva do peixe volve a mobilizarse ante a falta de acordo estatal

A CIG considera "inasumíbel e intolerábel" a proposta da patronal sobre a suba salarial, entre outros aspectos.

Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 16/11/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A falta de acordo na negociación do convenio estatal, a CIG anunciou este luns a convocatoria de mobilizacións no sector das conservas de peixe. As concentracións aunciadas polo sindicato terán lugar este mércores 17 ás 12:00 horas diante de todas as empresas que participan na mesa de negociación, e sen descartar unha posterior convocatoria de folga.

Latas de atún en conserva.
Latas de atún en conserva. | Fonte: Conservas Calvo - Europa Press.

Responsábeis da FGAMT-CIG do Salnés compareceron este mediodía en rolda de prensa para explicar o contido das xuntanzas da mesa de negociación do convenio que tiveron lugar en Madrid os pasados días 10 e 11 de novembro. Segundo denunciaron, nestas reunións a patronal non deron pasos significativos que permitan "sequera albiscar" a posibilidade dun acordo, polo que a central sindical opta por convocar protestas.

Entre outros motivos que levan ás mobilizacións, denuncia a CIG, "o empresariado teima" nun convenio para cinco anos sobre a base de incrementar os salarios un 1,5% no 2021; un 1,75% en 2022; un 1,5% no 2023; un 1,25% en 2024; e un 1% no 2025, “coa gravidade engadida de que non inclúen cláusula de revisión anual de IPC real, polo que tendo en conta que o IPC do 2021 xa supera o 5,4% a proposta de incremento salarial é inasumíbel e intolerábel”.

A CIG reitera a súa postura firme de non asinar ningún acordo de incremento salarial inferior o IPC real de cada ano, “pois non pode ser que sexan as persoas traballadoras as que asuman perda de poder adquisitivo ao tempo que as empresas do sector aumenten beneficios polo incremento das ventas”. 

A central sindical tamén rexeita a insistencia do empresariado en distribuír a xornada de luns a domingo. “Esta proposta é unha barbaridade, un despropósito que supón recuar en dereitos consolidados”. Por iso, dende a CIG insisten en que a ordenación da xornada laboral non estará en xogo mentres teñan representación na mesa de negociación, “pois afrontamos a negociación do convenio para acadarmos mellores condicións laborais e non para entregarlle dereitos á patronal”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta