Un xornalista afgán refuxiado en Galicia pide ás potencias non recoñecer un réxime "terrorista"

Fíxoo no Almorzo On/Off organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/11/2021 | Actualizada ás 18:29

Comparte esta noticia

Un xornalista afgán refuxiado en Galicia, Mohammad Ali Hoseini, vén de denunciar hoxe no Almorzo On/Off organizado no Liceo de Ourense polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia o carácter "terrorista e extremista" do réxime taliban. Por iso, chamou a que as distintas potencias non recoñezan o seu goberno. "Moitos xornalistas afgáns, antigos soldados do goberno e activistas da sociedade civil están hoxe en risco", asegurou.

Mohammad Ali Hoseini, un xornalista afgán refuxiado en Galicia, en rolda de prensa en Ourense.
Mohammad Ali Hoseini, un xornalista afgán refuxiado en Galicia, en rolda de prensa en Ourense.

Tras pedir un minuto de silencio pola xente do seu país "que está vivindo o terror e a pobreza", o xornalista afgán Mohammad Ali Hoseini relatou o seu particular periplo, dende o seu nacemento no exilio iraniano até o regreso en 2002 a un Afganistán golpeado pola guerra, onde "estabamos combatendo a corrupción do goberno e o terrorismo", pero onde tamén "queriamos estudar para construír o futuro do noso país".

Hoseini exemplificou todas as esperanzas truncadas pola violencia. Explosións e ataques suicidas nos úlitmos anos a manifestacións, mezquitas, estadios, centros de ensino ou mesmo maternidades, incluída a que representou, nas súas palabras, "o pior día da miña vida": tres explosións producidas na sede da axencia Ava Press o 28 de decembro de 2017, onde 51 persoas morreron e máis de 90 foron feridas. "Ese día perdín moitos dos meus compañeiros e amigos, e se tivese estado na oficina non estaría hoxe aquí", afirmou. 

O xornalista refuxiado fixo entón un chamamento aos gobernos para que non recoñezan o réxime talibán: "son un grupo terrorista e extremista que non acepta o dereito internacional".  Neste sentido, lembrou casos como os dos reporteiros Taghi Daryabi, arrestado e golpeado por cubrir unha protesta feminina; Ali Reza Sharifi, atacado cando se dirixía á súa casa; ou Hamid Sighani, asasinado cunha bomba lapa, asi como outros xornalistas e activistas sociais, nunha situación especialmente dura para as mulleres.

Asimesmo, reivindicou o papel das e dos comunicadores para dar a coñecer a realidade do seu país: "Creo que un reporteiro é sempre un reporteiro, estea onde estea. Eu quero seguir adiante, e ser a voz do meu pobo". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta