Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2021 | Actualizada ás 09:00
Entre as consecuencias positivas da pandemia está o impulso á dixitalización e de tecnoloxías innovadoras que boa parte das grandes e pequenas empresas tiveron que lanzar como consecuencia, principalmente, do confinamento; un tren ao que tamén se subiu a administración pública. Porén, o proceso desenvólvese paseniño e, nalgúns casos, con demora.
Esa é a conclusión do estudo desenvolto pola empresa Couchbase sobre o sector empresarial, dentro do cal un 40% das entidades recoñece ir "con atraso" nos seus proxectos de transformación dixital. O que é máis: de acordo co mesmo informe, case a metade dos equipos de desenvolvemento responsables de levar a cabo esta transformación manifesta queixas pola alta carga de traballo e os curtos prazos de entrega.
Esta situación de transformación, apuntan dende a empresa, mostrou a presión que sofren os arquitectos tecnolóxicos para conseguir que as organizacións funcionen a pleno rendemento. En concreto, un 49% dos equipos de desenvolvemento dixital manifesta as queixas antes apuntadas. "Esta presión provocou un alto esgotamento entre os equipos de desenvolvemento, o que a miúdo deu lugar a un maior nivel de rotación dos empregados", aseguran.
“Os técnicos cualificados son indispensables para as organizacións. As compañías deben de asegurarse de que conten co apoio adecuado e coas tecnoloxías apropiadas para que sexan o máis áxiles e eficientes posible, evitando así o esgotamento do equipo”, afirman dende Couchbase. A esta problemática únese a falta de fondos, recursos e profesionais cualificados ou a dependencia xerada ao redor de tecnoloxía herdada, que está a afectar afectou á creación e o desenvolvemento de novos proxectos dixitais. De igual maneira, o 40% dos enquisados afirma que os seus equipos de desenvolvemento van con atraso nos seus proxectos actuais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.