Por Europa Press / Redacción | Barcelona | 26/11/2021 | Actualizada ás 14:20
Os 188 xuíces --134 mulleres e 54 homes-- que integran a septuaxésima promoción da Escola Xudicial recibirán os seus despachos o vindeiro luns nun acto en Barcelona. Entre eles, un total de 14 elixiron Galicia como destino. No tocante a lugar de procedencia, 11 son galegos.
Pola súa banda, o 74,46 por cento dos integrantes da LXX promoción de xuíces que recibirá o seu despacho o vindeiro luns en Barcelona "nin tivo nin ten familiares --ata o segundo grao de consanguinidade-- que exerzan ou exercesen unha profesión xurídica". Dos que si os teñen ou tiveron, no 4,8 por cento dos casos son xuíces ou maxistrados e no 20,6 por cento desempeñan outra profesión xurídica.
Así o recolle unha enquisa da Escola Xudicial en 2019 que foi difundida este venres polo Consejo General del Poder Judicial (CGPJ) ante o acto de entrega de despachos que se celebrará luns en Cataluña e ao que acudirán o Rei Felipe VI e o presidente do Tribunal Supremo Carlos Lesmes.
Segundo informou o CGPJ, o perfil dos novos xuíces é o de "unha muller cunha idade media de 28 anos, que tardou algo máis de catro anos e medio en preparar e aprobar a oposición e que non procede dunha familia de xuristas". En concreto, o 71,2 por cento dos 188 integrantes da promoción son mulleres.
Tendo en conta o lugar de residencia habitual, Andalucía volve ser a comunidade autónoma que máis xuíces achega (48). Séguenlle a Comunidade Valenciana (23), Madrid (22), Castela e León (16), Cataluña e Galicia (11 cada unha), Asturias (10), Aragón (9), Murcia (7), Estremadura e Canarias (6 cada unha), Cantabria e País Vasco (5 cada unha), Baleares e Navarra (3 cada unha), Castela-A Mancha (2) e Ceuta (1).
A media de idade dos alumnos desta promoción é de 28 anos, aínda que o máis novo tiña 23 anos ao ingresar na Escola Xudicial e a de máis idade, 44. A maior parte deles contaban entre 25 e 31 anos cando, hai dous anos, empezaron esta fase da súa formación como xuíces, unha profesión á que máis da metade (o 53,2 por cento) decidiu dedicarse mentres cursaban a carreira de Dereito.
Segundo os datos da enquisa, durante a etapa de preparación da oposición, o 94 por cento contou co apoio económico dos seus pais. Algo máis dun terzo dos alumnos da promoción traballaron con anterioridade: o 22,3 por cento nun sector alleo ao ámbito xurídico e o 12,7 por cento, vinculado ao ámbito xurídico. O 57,4 por cento non traballou antes.
DESTINOS
Cataluña é onde irán destinados máis membros da promoción, pois contará cun total de 73 novos xuíces. Os demais repartiranse do seguinte modo: 45 ocuparán o seu primeiro destino en Andalucía, 4 en Aragón, 2 en Baleares, 15 en Canarias, 3 en Cantabria, 5 en Castela-A Mancha, 3 en Castela e León, 3 na Comunidade Valenciana, 10 en Estremadura, 14 en Galicia, 1 na Rioxa, 6 na Rexión de Murcia e 4 no País Vasco.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.