Feijóo comparecerá no Parlamento cun pleno centrado na sexta onda de Covid

Terá lugar os días 9 e 10 de decembro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/11/2021 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, responderá a preguntas da oposición sobre as medidas para facer fronte á sexta onda de contaxios da covid e sobre os "problemas" de Galicia no próximo pleno da Cámara galega, que terá lugar os días 9 e 10 de decembro, despois da ponte.

Os grupos parlamentarios fixaron este martes a orde do día deste pleno que inclúe a comparecencia do conselleiro de Medio Rural, José González, quen, a petición propia, dará conta dos resultados do Plan de prevención de incendios de 2021. Ademais, a sesión, que se celebrará despois dos festivos da ponte de decembro, incluirá o debate do proxecto de lei do Plan galego de estatística para o período 2020-2026.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na sesión de control do Parlamento de Galicia. DAVID CABEZÓN
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na sesión de control do Parlamento de Galicia. DAVID CABEZÓN | Fonte: XUNTA

Na rolda de prensa posterior á reunión da Xunta de Portavoces, o socialista Pablo Arangüena avanzou que o portavoz parlamentario do seu grupo, Gonzalo Caballero, aproveitará a sesión de control para preguntar a Feijóo sobre as medidas que adoptará o Goberno galego fronte á sexta onda de contaxios da covid-19 un ano despois da "famosa frase de salvar o Nadal".

Arangüena avanzou que o PSdeG levará á sesión plenaria unha proposición non de lei sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta para executar desde xaneiro de 2022 a gratuidade das escolas infantís. "Xa hai recursos proporcionados polo Estado nos orzamentos da Xunta", sostivo.

Tamén en comparecencia ante os medios, a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, avanzou que a líder do Bloque, Ana Pontón, preguntará a Feijóo se "cre que está a ser útil para afrontar os problemas de Galicia". No pleno que terá lugar o xoves e venres da próxima semana, o BNG proporá a creación dun ente ferroviario que garanta "un tren de proximidade, interior e de calidade" e que "de resposta ás demandas dos galegos" ante un problema que se arrastra desde "hai tempo como é a situación na que se atopa o sistema ferroviario galego".

O Bloque tamén defenderá diversas iniciativas centradas na protección do medio ambiente e o territorio fronte ao que considera un "espolio e depredación". Así, interpelarán ao vicepresidente económico, Francisco conde, para modificar a normativa que regula o sector eólico para que o desenvolvemento da enerxía renovable sexa "compatible" co territorio e a vida no medio rural.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta