Temas: MAR UE PESCA

Rosa Quintana traslada a proposta de base elaborada por Galicia para a revisión da política pesqueira común

O documento trasladado ao grupo de traballo tamén fai fincapé no papel esencial da proteína mariña na seguridade alimentaria, e no respecto da actividade á contorna xa que, sobre todo a frota artesanal, deixan unha baixa pegada de carbono.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 03/12/2021 | Actualizada ás 20:10

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo este venres un encontro co grupo de traballo sobre a Política Pesqueira Común (PPC) co fin de trasladarlle a proposta de base elaborada por Galicia de face á revisión desta normativa comunitaria.

O documento, que foi analizado nas últimas horas polo Consello da Xunta, permitirá ao sector avanzar na definición da proposta de ditame e na redacción da mesma, antes de que se traslade para o seu estudo no pleno do Consello Galego de Pesca.

Rosa Quintana insistiu en que o goberno galego aposta por unha nova Política Pesqueira Común que teña "equilibrio" entre os aspectos ambientais, económicos e sociais, e que faga un esforzo por converter esta actividade en "unha opción atractiva para a mocidade europea".

O documento trasladado ao grupo de traballo tamén fai fincapé no papel esencial da proteína mariña na seguridade alimentaria, e no respecto da actividade á contorna xa que, sobre todo a frota artesanal, deixan unha baixa pegada de carbono.

"SOLUCIÓN EUROPEA E EUROPEÍSTA"

Así, Galicia defende unha "solución europea e europeísta" que "reforce a cohesión social e económica, a innovación tecnologócia e a mellora das condicións de traballo e de vida a bordo dos buques", segundo a Consellería do Mar.

Nese sentido, a proposta incide en reformas recomendables en cinco ámbitos de actuación: o social, o comercio pesqueiro xusto e con regras de xogo iguais, a pesca sustentable, a adaptación ao cambio climatico e a cogobernanza global.

No aspecto social, a conselleira insistiu en que o "gran reto" é o recambio xeracional (coa certificación de contratacións profesionais e a inclusión de mulleres nas tripulacións) e a renovación tecnolóxica das frotas para mellorar a habitabilidade e a seguridade nos barcos.

REGRAS DE XOGO IGUALITARIAS

Con respecto ao comercio pesqueiro xusto, o goberno galego reiterou a necesidade de que todos os actores "teñan as mesmas regras de xogo" para competir en igualdade, impedindo o acceso ao mercado europeo daqueles que non cumpran as normas. Nese campo, "é fundamental loitar contra as subvencións en terceiros países" e buscar o equilibrio con outros estados da UE ou co Reino Unido.

Nesta liña, o informe apunta que non hai unha política fiscal homoxénea na UE nin a nivel internacional en aspectos como as bonificacións para o combustible profesional, polo que avoga por presentar ante a Organización Mundial do Comercio unha proposta de homoxeneización dos gravames e así "evitar distorsiones".

SUSTENTABILIDADE E CONSERVACIÓN

O documento tamén incide na importancia dunha actividade pesqueira sustentable, compatible coa conservación da biodiversidade, e en que este sector é "a solución para unha alimentación saudable".

Sobre a adaptación ao cambio climático, a proposta galega expón que os aspectos ambientais, económicos e sociais "estean ao mesmo nivel", e propón que se aposte polo desenvolvemento de sistemas de propulsión de buques que sexan "neutros en carbono".

O quinto ámbito de actuación refírese a a cogobernanza global "como base para a sustentabilidade" desta actividade, e recalca o "papel determinante" das Organizacións Rexionais de Pesca (ORP). De feito e como exemplo, os peores datos de desembarques de peixes proceden de poboacións que carecen deste tipo de organizacións e onde é máis difícil atallar a pesca ilegal.

Barco galego, mar, pesca, cotas. XUNTA - Arquivo
Barco galego, mar, pesca, cotas. XUNTA - Arquivo

Temas: MAR UE PESCA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta