Así están os centros galegos: medo a contaxios masivos á espera dunha vacinación masiva

Educación e direccións apostan pola inoculación dos menores e Anpas Galegas pide unha apertura asimétrica á do resto da sociedade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/12/2021 | Actualizada ás 13:16

Comparte esta noticia

A escalada no sistema educativo cumpre un mes de avance constante e de crecemento exponencial do número de casos activos, que afectan especialmente os centros de infantil e primaria. É por iso que tanto a Xunta como a comunidade escolar apostan polo avance na vacinación do alumnado menor de 12 anos para atallar esta cadea de contaxios, posto que o contraste coa ausencia de infeccións en secundaria reflicte á súa vez o bo resultado do proceso de inoculación.

O balance facilitado pola Xunta dúas semanas despois do inicio das clases en infantil e primaria contabilizaba un total de 364 casos activos e polo menos 17 aulas pechadas. Este contexto entraba dentro das previsións das autoridades sanitarias e da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que apelaban a que a vacinación aínda non alcanzaba a toda a poboación en idade escolar, en particular aos alumnos de infantil e primaria.

Un neno asómase ás portas do CEIP Manuel Mallo de Nadela, durante o primeiro día do curso escolar 2021-2022 en Educación Infantil e Primaria. Carlos Castro - Europa Press
Un neno asómase ás portas do CEIP Manuel Mallo de Nadela, durante o primeiro día do curso escolar 2021-2022 en Educación Infantil e Primaria. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

"VAISE COMPLICANDO"

Este contexto de escalada está a afectar especialmente ao CEIP galegos onde, a diferenza dos institutos de secundaria, concéntrase o groso do alumnado que aínda non recibiu a vacina. "A situación cada semana vaise complicando máis", lamentou Francisco Lires, da Federación Galega de Directivos de Centros de Ensino Público, posto que en cada balance de positivos por Covid-19 "vanse dobrando os casos e practicamente as aulas pechadas".

Lires observa a situación "con certa preocupación" e achaca este repunte a que existe "certa relaxación" fóra dos centros educativos, mentres que dentro dos mesmos "as medidas séguense tomando igual" que o curso pasado. Neste sentido, apuntou que os traballadores "son os máis expostos" ao estar en contacto cun importante volume de estudantes aínda sen vacinar.

Manuel Portas, do IES Xelmírez I de Compostela, considerou que, ante a maior incidencia en infantil e primaria respecto de secundaria, "a única conclusión evidente" é que "o alumnado vacinado resiste sen contaxios". "Non levamos ningún caso dentro do centro, a estas alturas o ano pasado debiamos ter unha ducia, iso demostra a importancia que ten a vacina", lembrou, ademais de que os centros non deixan de ser "unha parte da sociedade".

EQUILIBRIO

Fernando Lacaci, de Anpas Galegas, ve "perfectamente comprensible", desde un punto de vista cortoplacista, que as direccións, profesores ou mesmo parte das familias opten por "deixalo todo como está" ante a incerteza, dado que o sistema está xa instaurado grazas á experiencia do curso pasado e "flúe con naturalidade".

"O problema é que é un modelo que se consolida", engadiu, para advertir do "enorme dano" que se lle está facendo ao ensino en xeral e ao alumando en particular ao prolongar durante tanto tempo unha situación de excepcionalidade nos centros, a diferenza do resto da sociedade. "A educación é un escenario absoltamente volátil", explicou, e os mozos que iniciaron o seu primeiro curso na pandemia o ano que vén "estarán en terceiro".

NOVOS CASOS

"Sabemos que se van a producir situacións puntuais de positividade en centros educativos, especialmente vinculadas a menores de 12 anos, pero é absolutamente excepcional", trasladaba entón Manuel Vila, secretario xeral técnico da Consellería, en declaracións a Europa Press. De feito, a partir desas datas, as cifras de positivos rexistradas pola Xunta melloraban tanto nos centros como nas escolas infantís.

A situación empezou a cambiar desde finais de outubro. O parte do día 27 xa ascendía a 69 positivos e a partir de aí foise constatando un incremento progresivo tanto do número de casos como da porcentaxe de incremento destes contaxios. Estes 69 pasaron a 86 o 3 de novembro, a 149 no parte da Xunta do pasado día 10, e duplicáronse no balance dado a coñecer publicamente sete días despois, con 307 casos activos.

Os datos facilitados o 24 de novembro mostraron que a incidencia seguiu incrementándose: 658 casos activos de Covid-19 en centros galegos, o dobre que a semana anterior, e polo menos 46 aulas pechadas (unha trintena máis). A tendencia mantense sete días despois con polo menos 1.306 positivos e un centenar de unidades clausuradas, especialmente na área de Ourense.

"TRANQUILIDADE" E "PRUDENCIA"

Educación enmarcou esta situación no contexto xeral de repunte de contagios que se dá en toda a sociedade e defendeu que o 70 por cento dos centros escolares de Galicia carecen de casos covid nas súas instalacións, a pesar de que os menores de 12 anos aínda non están vacinados. Ademais, "a maior parte dos casos proceden do exterior" e "non se producen nos colexios".

"Lembrar que en Primaria as medidas son as mesmas que o ano pasado e que o protocolo está a funcionar correctamente", trasladaron fontes do departamento autonómico a Europa Press, quen reivindicaron "o gran esforzo da comunidade educativa" para manter e cumprir as medidas de seguridade.

En todo caso, a Consellería quixo chamar tanto á "tranquilidade" como á "prudencia", e incidiu en que é "imprescindible continuar mantendo o esforzo e seguir dando exemplo de responsabilidade" á espera da vacinación do alumnado restante, prevista a partir de mediados de decembro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta