A Federación Galega de Automobilismo cancela uns premios nos que daba roupa interior deportiva ás gañadoras

Gadis desmarcouse "totalmente" da organización desta proba.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/12/2021 | Actualizada ás 15:24

Comparte esta noticia

A Federación Galega de Automobilismo decidiu cancelar unha competición na que premiaba as condutoras gañadoras con conxuntos de roupa interior deportiva, unha campaña que causou o malestar dos equipos femininos.

A Federación Galega de Automobilismo cancela uns premios nos que daba roupa interior deportiva ás gañadoras.
A Federación Galega de Automobilismo cancela uns premios nos que daba roupa interior deportiva ás gañadoras.

Así, a través do seu perfil da rede social Facebook, o equipo Melmac Rally Factory cualificaba estes premios de "falta de respecto cara á muller" neste deporte.

Ademais, o grupo de traballo RenovaFGA esixiu publicamente ao presidente da Federación Galega de Automobilismo (FGA), Iván Corral, a "inmediata retirada" destes premios e as desculpas "pertinentes" por unha promoción "machista e anacrónica" que consiste en entregar ás participantes no "Open Gadis -Pecado Original Donas co Motor de Galicia 2022" conxuntos de roupa interior.

A Federación Galega de Automobilismo remitiu un comunicado no que informa da cancelación da competición "ante a polémica xurdida" e sostén que "un dos patrocinadores da copa" era o "fabricante galego de roupa feminina de marca Pecado Original", pezas de "calidade e ignífugas aptas para a práctica do automobilismo deportivo".

Ademais, despois de que a Federación promocionase a competición co seu nome, Gadis desmarcouse "totalmente" da organización desta proba.

En concreto, sinalou que ten "unha colaboración puntual" coa Federación Galega de Automobilismo dentro do seu programa de responsabilidade social corporativa, como con outras iniciativas de apoio ao deporte. Con todo, deixou claro que non ten nada que ver coa organización desta proba nin cos agasallos da mesma. "Sentimos unha gran repulsa ante o ataque contra a dignidade da muller", sostén.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta