A APDR advirte que, "por lei", Ence debe abandonar Lourizán para poder adscribir os terreos ao porto de Marín

O seu presidente, Antón Masa, asegura que aínda así as posibilidades son "moi remotas".

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 19/12/2021 | Actualizada ás 18:54

Comparte esta noticia

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) advirte que, "por lei", a adscrición dos terreos de Lourizán nos que se sitúa a pasteira de Ence ao porto de Marín depende de que a propia empresa abandone o seu actual emprazamento. A través dun comunicado remitido a medios este domingo e asinado polo seu presidente, Antón Masa, a APDR recalca que esta operación, defendida pola Xunta en base a un ditame do Consello Consultivo de Galicia, "só se podería facer" unha vez os terreos "estean libres".

Segundo a asociación, o que "realmente" pretende reivindicar tanto o Goberno galego como un sector sindical da pasteira é "a adscrición de Ence ao porto, algo ben diferente á adscrición dos terreos de Lourizán e radicalmente contrario" ao que avala o Consello Consultivo.

Neste sentido, APDR sinala que "por lei" esta compañía "non ten cabida en terreos portuarios". "Tanto a Xunta de Galicia, como a Autoridade Portuaria de Marín, como a propia Ence e os sindicatos, saben que isto é así. Con todo, non teñen reparos en promover e/ou apoiar unhas posicións e unhas loitas que, saben perfectamente, están abocadas ao máis rotundo dos fracasos", lamenta Masa no seu comunicado.

Con todo, a asociación asegura que as posibilidades de adscribir os terreos ao porto de Marín son "moi remotas" mesmo aínda que a pasteira non estivese alí. Isto é así porque precisaría dos informes favorables de "cando menos" os ministerios de Transición Ecolóxica, Transportes e de Asuntos Económicos, que "non parecen estar polo labor".

Ademais, a APDR insiste en que esa zona que actualmente está ocupada pola factoría "tense que recuperar para o uso e goce do conxunto da cidadanía" un obxectivo ao que a asociación non pensa "renunciar".

Planta de Encena ría de Pontevedra / Europa Press. / Europa Press
Planta de Encena ría de Pontevedra / Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta