Anpas galegas ven "intranscendente" a data de volta ao cole: "O importante é cambiar o modelo e non se fixo nada"

Goberno central e autonomías queren presencialidade e 'volta ao cole' o 10 de xaneiro.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/01/2022 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

A Confederación de Anpas Galegas advertiu este luns de que o debate sobre a data de volta ás aulas tras as vacacións do Nadal é "intranscendente" porque "o realmente importante" son "as condicións" nas que os estudantes van facelo, e se disporán dos recursos necesarios para ter garantida a actividade lectiva, sexa presencial ou non.

O colexio público CEIP  Paradai, en Lugo
O colexio público CEIP Paradai, en Lugo | Fonte: Carlos Castro - Europa Press - Arquivo.

Así o trasladou o presidente da Confederación, Fernando Lacaci, en vésperas de que se celebre o encontro entre responsables de Sanidade e Educación das diferentes comunidades autónomas e os ministerios de Sanidade, Educación e Universidade, para abordar a continuación das clases.

Lacaci explicou que a data de retorno ás aulas, ou se as clases se renovan de forma presencial ou virtual, non son as cuestións que deben preocupar ás autoridades, senón que poidan garantir un ensino "nas mellores condicións" aos alumnos. En todo caso, matizou que "quen debe decidir cando e como se volve a clase" deben ser "as autoridades sanitarias".

Para que o retorno ás aulas se faga nas mellores condicións, explicou, é necesario "un cambio de modelo" que non se levou a cabo, porque as medidas adoptadas cando se decretou o confinamento da poboación e a suspensión das clases en marzo de 2020, debido á pandemia de Covid, non serviron para "modernizar" o sistema educativo. "Se alguén se cre que por crear unha chea de aulas virtuais, que non son máis que un depósito de exercicios en pdf, xa se dixitalizou o sistema, é rematadamente imbécil", advertiu.

Respecto diso, subliñou que, nin se levou a cabo unha verdadeira dixitalización do modelo, nin se deu a formación adecuada aos docentes. Así mesmo, incidiu en que tamén é necesario reverter o recorte de profesorado e repor os reforzos contratados ao comezo da pandemia, cambiar os cocientes de profesor/alumnos e "facer algo para saír do 13 de marzo e avanzar nun modelo para a non presencialidade, porque non se avanzou nada".

Finalmente, cuestionou que se produciu algún avance "en conciliación real", porque "se están dando voltas a un tema importante, pero deixando de lado que hai unha chea de familias que non teñen elección", porque o modelo laboral actual non permite a conciliación.

POSICIÓN DA XUNTA

Pola súa banda, a Xunta mantén a postura trasladada polo presidente Alberto Núñez Feijóo o pasado mércores, e aposta polo retorno ás aulas o 10 de xaneiro.

Feijóo avanzou que non había previsión de modificar a data de reinicio do curso, a expensas da chegada dunha nova remesa de vacinas pediátricas (que poderían levar a pospor 24 horas a volta ás aulas).

En todo caso, fontes do Goberno galego confirmaron que a Xunta mantén o 10 de xaneiro como data de reinicio do curso tras as vacacións do Nadal, e á espera do que se acorde na reunión deste martes.

GOBERNOS CENTRAL E AUTONÓMICOS

O Goberno central e as comunidades autónomas exporán este martes na reunión conxunta entre os Ministerios de Sanidade, Educación e Universidades a total presencialidade e o regreso ás clases nas datas previstas, é dicir, para o 10 de xaneiro.

O encontro será ás 09.00 horas na Moncloa e os tres ministros responsables, Carolina Darias, Pilar Alegría, e Joan Subirats, informarán da cita nunha rolda de prensa que se celebrará a partir das 12.30 horas, segundo informou o Executivo.

A postura tanto do Goberno central como dos gobernos autonómicos é a de non atrasar a 'volta ao cole' tras as vacacións de Nadal e que o reinicio da actividade lectiva sexa presencial, unhas demandas que tamén apoian a totalidade da comunidade educativa: familias, estudantes, centros educativos, universidades e sindicatos.

Estremadura foi a primeira autonomía que abriu o debate sobre atrasar o regreso ás aulas tras o parón do Nadal, ao avanzar que solicitaría durante o pasado Consello Interterritorial de Saúde unha reunión conxunta entre Sanidade e Educación para tratar este tema co obxecto de acordar unha estratexia común.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta