O positivo poderase comunicar no teléfono da Covid, vía web ou nas farmacias: "O rastrexo non é eficiente"

Sanidade cre que co elevado número de casos "non é eficiente o rastrexo" e activa medidas para reducir a presión en Atención Primaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/01/2022 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

Cidadáns con síntomas poderán solicitar unha proba para detectar a covid-19 sen necesidade de contactar co seu centro de saúde a través do teléfono 881 540 045, no que tamén poderán comunicar o positivo obtido nun autotest. Ademais, a partir dos próximos días, poderase informar deste resultado mediante unha páxina web habilitada pola Consellería de Sanidade, así como permitir nas oficinas de farmacia nas que se realice a proba.

Esta son algunhas das medidas postas en marcha polo departamento autonómico para reducir a presión asistencial e administrativa que actualmente sofre a Atención Primaria dado o elevado número de casos de coronavirus. O obxectivo é que os positivos se poidan declarar da forma "máis áxil" sen que esta tarefa administrativa recaia nos profesionais da primaria, tal e como sinalou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

O conselleiro e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, debullaron este mércores nun encontro telemático cos medios de comunicación as modificacións no protocolo, aprobadas pola Comisión Nacional de Saúde Pública, ante o "cambio" rexistrado na "situación epidemiolóxica". No evento tamén participaron outros cargos como o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal.

"Antes estabamos a falar dun máximo de 1.800 casos en Galicia na quinta onda, cunha porcentaxe de ingresos que era elevado. E nestes momentos estamos a falar de máximos que poden chegar ata os 6.000 casos ao día en Galicia pero cun impacto a nivel hospitalario moi inferior", sinalou Carmen Durán, que lembrou tamén a "porcentaxe superior ao 85%" de persoas vacinadas con pauta completa.

"NON É EFICIENTE" O RASTRO

Neste contexto, unha das modificacións que se inclúe é o seguimento dos contactos. "Non é eficiente facer unha chamada telefónica a todos os contactos. Se estamos a falar de 5.000 casos ao día, cada caso xera entre 4,8 e 5,2 contactos, polo que estariamos a falar de que cada 5.000 casos diarios xeran ao redor de 25.000 contactos", sinalou Durán.

Así as cousas, a aquelas persoas que fosen comunicadas como contacto por unha persoa positiva en covid, o Sergas remitirá unha mensaxe de texto (SMS) coas instrucións. En concreto, estarán en vixilancia durante os dez días posteriores ao último contacto co caso confirmado pero non se lle realizará PCR ou antíxeno, excepto aos casos de vulnerabilidade (usuarios de residencias, maiores de 70 anos, persoas inmunodeprimidas e mulleres embarazadas).

Poderán realizar actividades esenciais pero evitarán acudir a lugares con moitas persoas e farán uso da máscara. No caso de que desenvolvan síntomas, solicitarán consulta telefónica co médico de Atención Primaria ou a través do 881 540 045.

OS CONTACTOS NON VACINADOS FARÁN CORENTENA

Si deberán facer corentena as persoas que estivesen en contacto cun positivo que non estean vacinadas, as inmunodeprimidas, así como os casos de transmisión procedentes de visóns ou das variantes Beta ou Gamma.

Nestes supostos, deberán permanecer illados no seu domicilio oS sete días posteriores ao último contacto. A central de seguimento chamaralles por teléfono dúas veces durante o período de illamento: o primeiro día para comunicarlle o inicio da corentena e o sétimo para indicarlle o final da mesma e o inicio de tres días de vixilancia.

A central solicitará unha proba PCR ou antíxeno durante a corentena, a partir do quinto día desde o último contacto co caso confirmado. Ademais, no caso de que sexan traballadores en activo sen posibilidade de teletraballo, procederáselles á baixa laboral, con carácter xeral, durante sete días.

Na sesión informativa, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, incidiu en que utilizar vías para declarar a sintomatoloxía como o teléfono 881 540 045 permitirá "descargar" a Atención Primaria e evitar que persoas con síntomas se acheguen aos centros ao poder tramitar por teléfono as probas. "Monitoramos o tempo de espera e hoxe eran cinco minutos", sinalou Aboal.

PROTOCOLO PARA CASOS DE GRIPE E COVID

Por último, preguntada respecto diso, a responsable de Saúde Pública informou de que a Consellería de Sanidade traballa na elaboración dun protocolo de vixilancia epidemiolóxica que conxugue os casos de gripe e covid.

"Parece que o cadro é respiratorio e que nin se agrava pero si que preparamos un protocolo de vixilancia distinto para esta situación", dixo.

Posto de autocovid no Gil Casares, en Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo
Posto de autocovid no Gil Casares, en Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

Se o rastrexo xa non é eficiente e ademáis témolo que facer nós mesmos, que nos devolvan os 14 M€ e por cada chamada que realicemos a Atencion Primaria poden aboar 50 € (25 ao paciente e 25 ao médico) ? Estamos a tirar cartos a moreas ! En Vigo estamos das axudas á Hostelería ata o carallo ! Agora o alcalde decide unilateralmente prolongar as luces de Nadal ata o día 16 de xaneiro ! As festas en Vigo son cando lle sae do carallo a Abel ? Pero explicacións dos 108.000 € para a cuñada de Carmela Silva nada de nada ! Aquí entre Feijoo contratando con empresas estafadoras e Abel contratando con empresas estafadoras ! Todos xogan ao mesmo xogo ! Desviar cartos públicos a moreas !

1 María

MUY BIEN!!! Estamos regalando dinero a Abai Extell por no hacer el trabajo que firmaron. Y la Conselleria sin quitarles el servicio