'Tsunami' de baixas laborais en Galicia pola nova covid-19: 24.100 en decembro, un 618% máis que en novembro

Son datos da Asociación de Mutuas de Accidentes de Traballo (AMAT), que achaca o aumento á nova variante ómicron.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/01/2022 | Actualizada ás 17:17

Comparte esta noticia

Galicia rexistrou durante o mes de decembro 24.100 baixas laborais, o que representa un incremento do 618% respecto ao mes de novembro, segundo datos da Asociación de Mutuas de Accidentes de Traballo (AMAT), que achaca o aumento á nova variante da covid-19, Ómicron.

Muller con máscara nunha tenda de roupa
Muller con máscara nunha tenda de roupa | Fonte: Xunta de Galicia.

"Ómicron provocou un verdadeiro tsunami de baixas laborais durante o mes de decembro, que non ten visos de remitir nas primeiras semanas de xaneiro", sinalan. A nivel estatal, esta cifra sitúase nas 566.175 baixas laborais no último mes do ano, o que supón un aumento do 632% respecto ao mes anterior.

Ademais, indican, a peche de decembro quedaban máis de 340.000 procesos de baixa laboral en vigor, "alcanzando máximos da pandemia", cuns 40.000 procesos máis que nos peores momentos da crise sanitaria de marzo de 2020.

A este respecto, AMAT destacou que a explosión de contaxios por covid-19 dos traballadores, e tamén do persoal sanitario, "está a colapsar os centros de Atención Primaria, onde os médicos, a pesar dos esforzos de reorganización dos recursos dispoñibles, están desbordados pola prestación de asistencia sanitaria e o aumento de dedicación á xestión dos trámites de baixas e altas laborais".

As mutuas expresan a súa "preocupación" polas "consecuencias que o pescozo de botella provocado pola avalancha de trámites está a ter no alongamento innecesario da duración dos procesos de incapacidade temporal", o que ademais, lembran, "afecta os custos das empresas e á actividade económica e repercute moi negativamente sobre as contas da Seguridade Social e do Estado".

"O custo das prestacións económicas en favor dos traballadores supuxo para as contas da Seguridade Social e do Estado ata o 30 de novembro de 2021 foi de 3.055 millóns de euros, aos que habería que sumar outros 2.500 millóns de euros con cargo directo ás empresas, por cotizacións, complementos e melloras, sen prexuízo do custo dos bens e servizos que se deixaron de prestar e producir", explicaron.

TRAMITAR BAIXAS E ALTAS Á VEZ

Para atallalo, a Asociación de Mutuas de Accidentes de Traballo propón un mecanismo a nivel estatal polo que os facultativos tramiten simultaneamente os partes de baixa e de alta nun só acto médico, cunha duración de sete días, de modo que só teñan que contactar de novo co Centro de Saúde aqueles traballadores que non se recuperaron nese prazo establecido.

Este mecanismo, apuntan, reduciría case á metade o tempo que os médicos teñen que dedicar a estas xestións administrativas, co beneficio que iso tería no desconxestionamento da Atención Primaria,que podería así dedicar moitos máis recursos á asistencia sanitaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Riolo

Pero decían hace un año que con la vacunación todo se arreglaba?