A alcaldesa de Cambados deixa o posto por motivos de saúde: "necesido descansar"

Fátima Abal manterá o seu posto como edil e anuncia que marcha "moi orgullosa" da súa xestión á fronte do consistorio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2022 | Actualizada ás 12:03

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, renunciará ao cargo que ocupa desde xuño de 2015 por motivos de saúde. Anunciarao oficialmente este sábado, pero xa llo comunicou a través dun escrito aos seus compañeiros do Partido Socialista. No escrito, Fátima Abal explica que abandona o cargo para recuperarse dalgúns problemas de saúde. "Desde hai tempo necesito descansar tanto mental como fisicamente", explica, "o que non é compatible con exercer a Alcaldía de maneira responsable".

A alcaldesa manifesta irse "moi orgullosa" de todo o conseguido e "coa satisfacción de deixar un Cambados moito mellor" que o que atopou. "Foron anos moi difíciles pero tamén moi felices", asegura.

SUBSTITUCIÓN

O novo alcalde será, con toda probabilidade, o concelleiro socialista Samuel Lago. Unha persoa á que Fátima Abal define na súa carta de despedida como "un home serio, honesto, intelixente, traballador e moi próximo". A elección do novo rexedor deberá realizarse nun pleno que se convocará unha vez que a alcaldesa presente oficialmente a súa dimisión. Para iso deberá contar co apoio dos dous concelleiros de Somos Cambados, cos que actualmente forma o grupo de goberno e, polo menos, coa abstención de único edil do BNG.

Aínda que renuncia á Alcaldía, Fátima Abal manterá a súa acta de concelleira e seguirá como membro da Corporación, mantendo as competencias nas áreas que lle corresponden. "Defendendo os nosos principios e valores, nos que creo firmemente e sobre os que sempre encamiñei a miña vida e as miñas accións como política e como persoa", conclúe na súa despedida.

A alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, á esquerda. DELEGACIÓN DO GOBERNO
A alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, á esquerda. DELEGACIÓN DO GOBERNO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta