A covid volve golpear as residencias de anciáns: 80 positivos nun centro de Vigo

Outro espazo de Santiago rexistra 15 contaxios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2022 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

As residencias de maiores de Galicia rexistran dous novos brotes de Covid-19, un deles nunha de Vigo cuns 80 residentes con este virus e outro de Santiago de Compostela, con "máis de 15" casos. Así o confirmaron a Europa Press fontes da Consellería de Política Social, que puntualizaron que se trata de casos con sintomatoloxía "moi leve" ou sen síntomas.

No caso de Vigo, detectáronse nos últimos días sobre 80 casos --á espera dos datos que actualiza a Xunta semanalmente os mércores-- de Covid-19 en maiores da Residencia Bembrive de Vigo, que conta con 150 residentes. Pola súa banda, a Residencia Raiola O Hórreo de Santiago rexistra "máis de 15" casos activos de Covid-19, sinalaron as mesmas fontes, que remiten á actualización deste mércores para concretar ambos os brotes que "non revisten gravidade", abundaron por parte de Política Social.

Ningunha destas dúas residencias estaba incluída nos casos de Covid-19 actualizados o mércores pasado. Por parte de Política Social, destacaron que os residentes destes centros están todos vacinados e moitos deles asintomáticos, de aí a dificultade para detectar os casos, matizaron.

Arquivo - Unha residencia de maiores de Galicia.. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Unha residencia de maiores de Galicia.. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta