O Sindicato Labrego insta a 82 concellos de reservas da biosfera a apoiar unha moratoria aos eólicos

O Concello de Ponte Caldelas denuncia ante a valedora e o Defensor do Pobo as "chapuzas" da Xunta ao tramitar o parque dos Cotos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/01/2022 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) rexistrou solicitudes nun total de 82 concellos galegos que teñen parte do seu territorio en reservas da biosfera para que se adhiran a unha campaña que solicita moratorias á tramitación dos parques eólicos.

Unha figura dun muíño de enerxía eólica, fronte á Catedral de Santiago de Compostela, durante unha manifestación contra os parques eólicos, a 5 de xuño de 2021, en Santiago de Compostel
Unha figura dun muíño de enerxía eólica, fronte á Catedral de Santiago de Compostela, durante unha manifestación contra os parques eólicos, a 5 de xuño de 2021, en Santiago de Compostel | Fonte: César Arxina - Europa Press - Arquivo.

Esta ofensiva da organización parte dun informe que empezou a elaborar en setembro o Comité Español do Programa Mab --Man and the Biosphere-- da Unesco sobre aeroxeradores e outras infraestruturas asociadas a compañías enerxéticas que se queren asentar nestes espazos protexidos.

A Alianza Enerxía e Territorio (Alente), da que forma parte o SLG e outros colectivos de todo o Estado, decidiu lanzar unha campaña a prol da "moratoria científica" das instalacións eólicas nas reservas da biosfera de toda a península.

Deste xeito, o Sindicato Labrego rexistrou ante estes 82 concellos outras tantas solicitudes de adhesión a esta campaña cun escrito dirixido aos respectivos alcaldes nos que se lles pide o seu apoio.

E é que, de acordo coa organización, as reservas da biosfera galegas xa albergan "a día de hoxe con preto de 1.300 aeroxeradores propiedade de empresas enerxéticas", á vez que "hai varios centros máis en tramitación".

PONTE CALDELAS ACODE AO DEFENSOR DO POBO

Por outra banda, o Concello de Ponte Caldelas anunciou este venres que leva ante a valedora do Pobo e o Defensor do Pobo as "chapuzas que se están destapando" no procedemento administrativo do parque eólico dos Cotos, que afecta tanto a este concello como ao veciño de Cerdedo-Cotobade.

O alcalde, o socialista Andrés Díaz, asegura que este proceso parece "máis propio dunha república bananeira que dunha administración seria como debería ser a Xunta de Galicia".

Deste xeito, o rexedor formulou a súa queixa sobre a actuación da Vicepresidencia Segunda do Goberno galego e da súa Xefatura Territorial en Pontevedra con respecto á tramitación da información pública do estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa, de construción, o proxecto sectorial e a solicitude de declaración de utilidade pública do parque de Vos Cotos.

Segundo Díaz, hai "incumprimentos" de senllas leis, entre elas a Lei 19/2013 de transparencia, e insiste en que a Xunta "debería proceder de inmediato" a paralizar o proxecto.

"De non ser así, o Concello de Ponte Caldelas reafírmase na súa intención de acudir á vía xudicial para invalidar o proxecto e frear a aberración que se quere cometer contra o territorio e a poboación afectada", conclúe o comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta