O Supremo eleva a pena ao condenado por asasinato en Ordes por apreciar abuso de superioridade

Considera que non se pode probar que houbese aleivosía, como sinalou o TSXG, pero si ve abuso de superioridade.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 17/01/2022 | Actualizada ás 15:43

Comparte esta noticia

O Tribunal Supermo (Ts) elevou de 12 a 13 anos e seis meses a pena de cárcere a un home, J.E.V.T., condenado por asasinar a outro en Ordes  en 2016 ao apreciar o agravante de abuso de superioridade.

Nun fallo ao que tivo acceso Europa Press, o alto tribunal estima o recurso de casación interposto polas familiares da vítima contra unha sentenza de abril de 2021 emitida pola Sala do Civil e penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que rebaixaba a condena ditada pola Audiencia Provincial da Coruña, tras o veredicto de culpabilidade do xurado popular, de 15 a 12 anos por non apreciar aleivosía nin considerar probado o ataque por sorpresa.

Os feitos rexistráronse na madrugada do 17 de xullo do ano 2016, sobre as 04,00 horas. Nun primeiro fallo dado a coñecer en outubro do pasado ano, a Audiencia Provincial considerou probado que o acusado apuñalou á vítima no pescozo cando camiñaba pola rúa Compostela, en dirección ao seu domicilio.

Nesa sentenza, indicábase que o ataque se produciu "sorpresivamente" e nunha zona que estaba "mal iluminada e escasamente transitada". Por iso, argumentábase que a vítima careceu de posibilidade de defensa, dado que o corpo non presentaba feridas que indicasen o contrario.

Tras iso, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou en parte o recurso de apelación do condenado e acordou que se lle rebaixase a pena a 12 anos de prisión por un delito de homicidio en lugar de asasinato concorrendo a circunstancia de aleivosía por considerar que non estaba probado que o home actuase "sospresivamente" e "sen posibilidade de defensa".

Tras os recursos das familiares de vítima, o Tribunal Supremo tamén considera que non existen probas sobre o agravante de aleivosía, pero que si se pode contemplar o agravante de abuso de superioridade. "O Tribunal de apelación prescinde do caráctersorpresivo do ataque por falta de proba. Pero subsiste o uso dunha arma especialmente agresiva, que se emprega fronte a quen está desarmado. Iso proporciona base sobrada para a agravante de abuso de superioridade", sinala.

Por todo iso, sinala que se trata dun delito consumado de homicidio, ao non concorrer a aleivosía que o transformaría en asasinato pero sinala que si se aprecia a agravante de abuso de superioridade polo que se sitúa a pena en 13 anos e seis meses de prisión.

Sede TSXG. EUROPA PRESS - Arquivo
Sede TSXG. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta