Comezan os trámites para declarar ao narcotraficante Pelopincho oficialmente morto

O proceso de declaración oficial de falecemento dunha persoa pode iniciarse, sempre que o soliciten xudicialmente os seus achegados, unha vez transcorresen dez anos desde a súa desaparición.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/01/2022 | Actualizada ás 19:18

Comparte esta noticia

O 19 de novembro de 2010 José Antonio Pouso Rivas, coñecido como 'Pelopincho', desapareceu sen deixar máis rastro que un coche calcinado que foi achado en Brión. Estaba considerado como un dos históricos do narcotráfico galego e un experto nas redes de branqueo.

Algo máis de once anos despois daquela desaparición, un xulgado de Padrón, a última localidade na que Pouso Rivas tivo a súa residencia, iniciou os trámites para declaralo oficialmente falecido tras a solicitude efectuada pola que entón era a súa parella.

O xulgado padronés abriu un proceso de exposición pública e fixou data para unha vista na que se declarará de maneira oficial o seu falecemento, se ninguén ata entón facilita datos sobre o seu paradoiro.

O proceso de declaración oficial de falecemento dunha persoa pode iniciarse, sempre que o soliciten xudicialmente os seus achegados, unha vez transcorresen dez anos desde a súa desaparición.

AXUSTE DE CONTAS

No caso de Pelopincho, as forzas de seguridade barallaron desde o primeiro momento como a opción máis probable que a súa desaparición, así como a de quen estaba considerado como o seu socio, o veciño de Monte Porreiro --Pontevedra-- Bernardo Villaverde Amil, debeuse a un axuste de contas relacionado co errado desembarco de catro toneladas de haxix a bordo do 'Garbi III'.

Este buque naufragou nun temporal fronte ás costas de Portugal o 15 de novembro de 2010, catro días antes de que se lles perdese o rastro a ambos. A última evidencia que se ten deles é o vehículo no que presuntamente viaxaban e que foi achado calcinado nun monte próximo a Brión.

A finais de 2014, o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Cambados arquivou, por falta de probas, a causa contra tres arousáns e unha muller de orixe suramericana, acusados inicialmente de ser os responsables da desaparición de Pelopincho.

QUINCE MILLÓNS DE PATRIMONIO

José Antonio Pouso iniciouse o negocio do contrabando de tabaco a mediados dos anos 90. A principios de século entrou a formar parte dos clans de narcotráfico galego e chegou a crear e liderar a súa propia organización. Pelopincho tamén foi considerado o xefe dunha rede de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico, que foi desmantelada na Operación Corvo mariño.

A investigación realizada entón sacou á luz que contaba cun patrimonio de 15 millóns de euros, entre diñeiro en metálico, vehículos e propiedades inmobiliarias.

Grandes narcos de Galicia: Sito Miñanco, Manuel Charlín, Laureano Oubiña, Marcial Dorado e Pelopincho
Grandes narcos de Galicia: Sito Miñanco, Manuel Charlín, Laureano Oubiña, Marcial Dorado e Pelopincho

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta