1 de 313 en Opinión seguinte

Obviedades: o Presidente da Xunta ten o deber de defender a Galicia

A estas alturas da película, ben pouco defendible é ALTRI. Prexudicará a Ulla, o Camiño Francés, a paisaxe, o marisqueo, aumentará, indirectamente, o risco de incendios...

Por A.C. Pereira-Menaut | Santiago de Compostela | 05/05/2025

Comparte esta noticia
Os sesenta mortos de Portugal no 2017, non pesan nada? O estropicio na Ría de Arousa, tampouco? Estragar a Ulloa, tampouco? A historia xa é sabida: primeiro, desindustrialización, agora, como unha esmola, un pouco de reindustrialización-lixo, para probes. Se en España houbera só unha sombra de democracia, debería abondar coa oposición que está a facer o “demos”, cunha mobilización social que case fai lembrar a do Prestige.
 
Para nos convencer de que ALTRI é un proxecto ecolóxico, con moi poucas emisións, fanse auténticas contorsións. E logo veñen, histericamente, xustificando as ZBE mesmo en cidades pequenas e ventiladas, perseguindo ata a mínima emisión, ata o último coche diesel. Da UE, que leva anos invadindo canta competencia quere, ata no máis miúdo, non podemos esperar nada. E o mesmo do goberno español, que non solta a AP 9 nin a tiros pero cando foi o de Valencia, púxose de perfil.
 
Aquí, no fondo, estanse a quitar as caretas. Capitalismo, versión depredadora. Despois elabóranse as xustificacións e faise o esforzo mediático que sexa. Pero Galicia está farta de ser o sitio onde se instalan estas industrias, unha macro-celulosa que ninguén querería para si, nin é precisa, nin vai crear (case) emprego, nin vai xerar riqueza aquí.
 
O papel do presidente Alfonso Rueda, esforzado defensor de ALTRI, merece un comentario. Ten todo o meu respecto como presidente de Galicia (non do PP). Débese a Galicia. Cando substituíu a Témpano-de-Xeo-Feijóo, máis de un dixemos que aínda menos mal; polo menos era un ser humano que traballara e sacara adiante unha familia, cousa rara nos políticos hoxe. Coñece os concellos rurais por dentro. Pisou abondo esta Terra, así que un mínimo de raigaños tiña que ter: Galicia non lle podería ser indiferente. Pero se cadra trabuqueime. Non é só que teña prexudicado ao idioma galego innecesariamente para él e moi cedo (xa no 2009); é que hoxe semella disposto a prexudicar a Galicia. Non pode ignorar a desfeita que produciría ALTRI. 
 
Na financiación catalana, Rueda teima polo centralismo fiscal inmoderadamente, como contra Puigdemont ou Bildu. Ninguén esperaría del o contrario, pero unha cousa é iso e outra comportarse case como un cruzado. Do tradicional sentidiño galego, se saen eses temas, pouco exhibe. De aí a ridícula Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais, que non naceu para defender a mini-cuasi-constitución galega senón para defender ao estado constitucional español. Pero se a saúde da Constitución do 1978 depende do novo organismo de Rueda, vai boa. Non estou dentro do seu pensamento pero faime lembrar aqueles que, para tapar as moitas vías de auga de España, rebaixan a autonomía de Galicia, cando esas vías de auga non están aquí: actuando así, prexudican a Galicia sen defender efectivamente a España. Ao final, España suicídase, con Galicia dependente, independente ou inexistente, e eu, que non son nada anti-español, non o celebro en absoluto, pero tampouco son responsable en absoluto.
 
Se tanto lle preocupa España e tan pouco Galicia, alá el. Pero de ser así, non debería aceptar presidir esta autonomía, por coherencia moral. Ninguén lle obriga. Ninguén quererá ser presidente español para así servir mellor á UE, que ten organismos propios abondo; ningún presidente español montaría unha Dirección General de Defensa de los Tratados Europeos. A lealdade institucional obriga a non aceptar un cargo nunha institución —unha universidade, un concello ou un colexio de avogados— para despois non traballar polo seu fin fundacional, neste caso, a autonomía de Galicia. Pero precedentes non faltan, eis o Feijóo, o máis antigalego dos cinco presidentes anteriores. Fraga, có curriculum que tiña, cando aceptou vir a Galicia practicou esa lealdade institucional, porque é un mínimo esixible a toda persoa que ocupe un cargo público. Cando estaba Rueda nun concello rural, propoñía a creación de concellalías para a Defensa da Autonomía de Galicia?
 
Alfonso Rueda, Presidente de Galicia: a túa misión non é defender á UE, ao Banco Central Europeo, ao estado, a ALTRI nin ao planeta Marte; defende a Galicia. Se o fas, conta conmigo.

Greenpeace celebra que o Goberno deixe a Altri fose do PERTE e pide á empresa que descarte instalarse en Pas.. GREENPEACE
Greenpeace celebra que o Goberno deixe a Altri fose do PERTE e pide á empresa que descarte instalarse en Pas.. GREENPEACE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antonio Carlos Pereira-Menaut É Catedrático de Dereito Constitucional na USC. Tamén é director da Cátedra Jean Monnet de Dereito Constitucional europeo.Ocupouse de Teoría Política, Teoría Constitucional, Constitucionalismo Comparado (sobre todo, inglés), e Federalismo, Autonomía e organización territorial. É un gran coñecedor do proceso de constitucionalización da Unión Europea.