Invertebrada España, capital, Turbomadrid

Manoel Vello Salvado. In memoriam

Por A.C. Pereira-Menaut | Compostela | 10/02/2023

Comparte esta noticia
"Castela fixo a España e Castela desfíxoa", escribiu o penetrante ollar de Ortega hai un século na "España Invertebrada". Hoxe tal vez debésemos engadir: "Madrid desfixo (baleirou) a Castela e está en vías de desfacer a España". Por que? Porque a capacidade de «desvertebramento» orixinado no centro sería maior do que a periferia. Un exemplo non tan trivial como semella: para o Real Madrid, ter que xogar coas outras equipas españolas, e non cós seus pares europeos, é un atranco, unha rémora; cousa contradictoria porque historicamente Madrid, que non era particularmente grande nin rica, medrou a costa do resto de España (non así Washington, Londres ou Berlín). Pero hoxe, en que división está Madrid a xogar: na de Miami ou na de Valladolid? Segue a ser Madrid "one of us", unha cidade española, ou quere ser unha das macro-cidades mundiais? Xoga na rebelión das masas (Ortega) ou na rebelión das elites (Lasch)?
 
Non é cuestión de xuízos morais: os madrileños son xente acolledora e aberta. Mas non lles parece anómalo que Madrid teña o 13% da poboación (da xente nova, ten considerablemente máis) e o 20% do PIB. Parecen crer honestamente que, mesmo que resulte algunha tolerable desigualdade territorial, en xeral o que é bó para Madrid é bó para España. Non parecen lembrar que en 1975, tras unha longa e abertamente centralista ditadura, o PIB de Madrid era aínda moi inferior ao da Cataluña. En 1950 Madrid tiña 1.500.000 habitantes (Londres e París acadaran un millón por volta de 1800). En 1900 Galicia tiña o 10% da poboación española. Etc. Poucos madrileños conceden isto; a maioría, non por mal, pero nin o ve.
 
Mas, quen está a pagar a desmesura madrileña? A resposta básica e intuitiva é: Castela, Galicia, ultimamente Asturias... Pero, e se fora a propia España? Vexamos. A curto prazo, os independentistas periféricos van, probablemente, a case-hibernarse e non plantexarán unha nova ameaza para a cohesión da España. A nosa tese é que no caso de que o principal axente desvertebrador non fora a periferia senón o centro —como Castela segundo Ortega— a posible moderación periférica serviría de pouco para cohesionar España. Se a devastación territorial continúa e é promovida, ainda que indirectamente, dende o centro, o rexionalismo/nacionalismo periférico a longo prazo non precisará senón sentarse a esperar: algo lles caerá nas mans; polo menos, un maior autogoberno. Ese resultado contraintuitivo —o desmesurado medro central iría en desmedro de España— non sería tan estraño no fondo. Algúns acontecementos que "a priori" poderían ter xerado un impulso centralizador, como a elección da Isabel Ayuso ou o fenómeno do covid, acabaron reforzando a autonomía rexional. Ou non? Alguén alimenta hoxe seriamente aquela esperanza do PP aznarista, abolir as comunidades autónomas?
 
Posible fin do filme: pouco tempo falta para que o confronto con Madrid, en maior ou menor grado, deixe de ser a ocorrencia molesta duns atorrantes periféricos e convértase nunha actitude común alén dos cen kilómetros da Puerta del Sol.
 
Invertebrate Spain, o «protectorado alemán que tolea por falar inglés»,capital, Turbomadrid. Madrid, no canto de defender Lugo, Cáceres ou Palencia —ou sexa, España— a efectos prácticos virou correa de transmisión de Black Rock, Davos e demais poderes supranacionais. A macrocefalia madrileña non sorprendería tanto a Ortega. Pero lle sorprendería, e moito, que a pretendida caput Hispaniae xogara este segundo papel, igualmente desvertebrador.

(E-D) A portavoz do Partido Popular no Congreso, Cuca Gamarra; o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo; a presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso; e o alcalde de Madrid, José Luís Martínez-Almeida
(E-D) A portavoz do Partido Popular no Congreso, Cuca Gamarra; o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo; a presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso; e o alcalde de Madrid, José Luís Martínez-Almeida | Fonte: Carlos Luján - Europa Press - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antonio Carlos Pereira-Menaut É Catedrático de Dereito Constitucional na USC. Tamén é director da Cátedra Jean Monnet de Dereito Constitucional europeo.Ocupouse de Teoría Política, Teoría Constitucional, Constitucionalismo Comparado (sobre todo, inglés), e Federalismo, Autonomía e organización territorial. É un gran coñecedor do proceso de constitucionalización da Unión Europea.