De España a Expaña pasando polo franquismo

A Alexandre Carrodeguas, buscador.

Por A.C. Pereira-Menaut | Compostela | 30/01/2023

Comparte esta noticia
Dous amigos, un progre e outro non, comentaban a última fazaña dunha coñecida celebrity. Entre cervexa e cervexa, dixo o progre: “o de sempre, o franquismo que non cesa”. Tendo de conta que a tal celebrity non terá ainda 50 anos, eu pregúntome como pode ser iso. Que estraña e duradoira potencia puido ter aquela ditadura puramente personalista e anticuada? (Hitler era moi moderno; Mussolini, algo menos; Franco e Salazar, antigos).
 
Efectivamente, diante de non poucos problemas españois é hoxe común atribuír a causa última ao imorredoiro franquismo. Pero iso non resiste unha confrontación coa realidade. Non houbo nada serio entre 1975 e 2023? En 1986, 1992, 2001 en diante, 2008-2012 e 2020, non pasou nada salientable?  Como se explica, logo, o brutal cambio económico, político e ata antropolóxico? Certo que segue a haber moito autoritarismo pero iso está nos xenes de España, que nunca foi un país libre nin, polo visto, endexamais o será. A España de 2023 non se parece moito á de 1963 pero tampouco á de 1923 ou á de 1873. Realmente, este «protectorado alemán tolo por falar inglés» parécese tan pouco a España que en diante debería chamarse Expaña.
 
Repasemos aquelas datas. 1986: coa UE e a OTAN viñeron para quedar a desindustrialización, o paro, agora estrutural, e mais a submisión ao estranxeiro. 1992 e arredores, posiblemente a data máis parteaguas: IBEX 35, masivas privatizacións, universidades privadas, fin das antigas elites vascas e catalás, paternalistas e con raíces; fin do vello equilibrio territorial (aceiro vasco, textil catalá, administración madrileña), comezo do depredador turbocapitalismo bancocrático, da recentralización das comunicacións e do gran Madrid. En 1995 nace a OMC e co novo século toma máis forza a globalización—nin as lentellas castelás do GADIS son españolas—; máis desemprego, velutinas, covid; tendas chinesas ata o último pobo. Naturalmente a globalización tivo tamén efectos positivos pero en conxunto, para a xente media, nin se comparan cos negativos. De 2001 en diante, as loitas contra o terrorismo e o branqueo de diñeiro introduciron unha novidade: a presunción xeral de non inocencia (para decilo benévolamente) e o control de todos, non só dos sospeitosos, chegando ata a ridiculez totalitaria nos aeroportos (agora tamén nos trens Vigo-Coruña) e nas transaccións bancarias menores. A crise de 2008-2012 trouxo unha auténtica mutación constitucional europea e un novo desapoderamento de España, cunha devaluación interna e un aumento da desigualdade dificilmente imaxinable, por exemplo, en 1968. De aquela a xente non estaba anestesiada; agora, ninguén se rebelou. Dende 2020, o covid dou outra volta ao parafuso do control sobre as persoas, có vento a favor da corrección política incluíndo pensamento e linguaxe. Ademais debilitou as relacións interpersoais para moito tempo. A cidade clásica tiña mercado, foro, teatro, estadio e templo comúns; as políticas do covid relegaron todo iso ás pantallas dos solitarios ordenadores persoais. Todo sucedeu moi rápido. Nuns poucos decenios España deixou paso a Expaña.
 
Parte rutineira da paisaxe española, hoxe, son a soidade, a furgoneta de Amazon, a eutanasia, a OTAN, os crecentes suicidios, os autónomos sen empregados, o aborto, as tendas pechadas, Black Rock, as enfermidades mentais... Diñeiro, hai máis que nunca; o estado recada o nunca visto. O benestar de toda España depende de Madrid máis agora que baixo o centralista franquismo.
 
E é que hoxe a ditadura non é de militar con bigote senón de estilo Orwell-Silicon Valley, coa colaboración do estado.
 
Entón, do franquismo, no 2023, que é? Básicamente, un recurso dialéctico.

Singularity University de Sillicon Valley
Singularity University de Sillicon Valley | Fonte: Wikipedia.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antonio Carlos Pereira-Menaut É Catedrático de Dereito Constitucional na USC. Tamén é director da Cátedra Jean Monnet de Dereito Constitucional europeo.Ocupouse de Teoría Política, Teoría Constitucional, Constitucionalismo Comparado (sobre todo, inglés), e Federalismo, Autonomía e organización territorial. É un gran coñecedor do proceso de constitucionalización da Unión Europea.