Rafa Domínguez: "para Pontevedra é igual de malo que Ence peche ou marche"

O voceiro do grupo municipal do PP pronúnciase así despois de que Teresa Ribera abrira novamente a porta ao traslado da planta.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2022 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

O portavoz do grupo municipal do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez, asegurou que para a cidade é "igual de malo" que a fábrica de Ence "peche" como "que se vaia ás Pontes". Así se pronunciou despois das declaracións da ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, nas que apuntaba que un posible traslado da fábrica de Ence de Lourizán "é máis fácil nas zonas" de "transición xusta", en referencia á área das Pontes e a de Cerceda, afectadas o peche das centrais térmicas.

Respecto diso, Rafa Domínguez asegurou este mércores que "para Pontevedra é igual de malo que Ence peche ou que se vaia ás Pontes" e engadiu que "alguén no PSOE enganou aos pontevedreses e aos traballadores dicindo que había localizacións na contorna de Pontevedra para a planta". O portavoz do PP insistiu en que quere que os traballadores da pasteira "sigan vivindo na súa cidade" e advertiu de que "o impacto económico da súa marcha será catastrófico" para a capital.

Domínguez destacou que "en ningún momento" a ministra Ribera falou de "ningún problema de contaminación" polo que conclúe que "se non contamina, que quede en Pontevedra". Tamén apremou ao Goberno central para que "se pronuncie sobre a adscrición dos terreos de Ence ao porto de Marín" algo que considera "a única alternativa real para que estes postos de traballo queden na nosa cidade".

"Se as familias marchan a Navia, perde Pontevedra. Se as familias marchan ás Pontes, perde Pontevedra. Se as familias marchan a Cerceda, perde Pontevedra", argumentou o popular. Para terminar, Domínguez defendeu que calquera opción que supoña o peche ou traslado de Ence, "veña de quen veña", contará coa oposición do PP de Pontevedra. "O noso compromiso é cos traballadores, coas familias, co emprego, que é o maior problema da nosa cidade. Ese compromiso está por encima de persoas de institucións ou de partidos, incluído o meu", sentenciou.

O concelleiro portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez
O concelleiro portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez | Fonte: PP.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta