Vía Galega denuncia ataques á súa exposición a prol dunha selección galega

Once paneis foron danados na mostra itinerante 'Galiza, un pobo, unha selección', instalada en Lugo. Estes ataques súmanse a outros anteriores.

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 19/01/2022 | Actualizada ás 19:32

Comparte esta noticia

A plataforma Vía Galega denunciou os reiterados ataques á difusión das actividades que desenvolve "a prol dos dereitos sociais e nacionais de Galiza", concretamente ao aparecer danados 11 paneis da exposición itinerante 'Galiza, un pobo, unha selección', instalada en Lugo.

Paneis danados da exposición itinerante 'Galiza, un pobo, unha selección'. VÍA GALEGA
Paneis danados da exposición itinerante 'Galiza, un pobo, unha selección'. VÍA GALEGA | Fonte: Europa Press

Esta última acción, insisten, súmase á desaparición dunha pancarta para difundir a mostra no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, e "ás mensaxes fascistas sobre os carteis de Vía Galega en diversos vilas e cidades nos últimos meses".

"Estes danos provocados, cunha maneira de actuación e intencionalidade semellantes, son produto de posicións alimentadas pola ultradereita e por responsables políticos que se manifestaron publicamente en contra das actividades promovidas por esta plataforma que integra a máis de 60 asociacións sociais, culturais e deportivas de todo o país", din.

Para Vía Galega, estas actuacións son "consecuencia de actitudes en contra da liberdade de expresión e de dereitos democráticos fundamentais" contra unha campaña que reivindica "o dereito a competir a nivel oficial como galegos e galegas en todas as disciplinas deportivas".

Así, afirman que "se están recadando numerosos apoios e interese por parte do público que visita as exposicións", cuxos obxectivos, lembran, son "fortalecer a autoestima e a conciencia nacional mediante o deporte; potenciar os deportes galegos, a súa historia e a importancia para a cultura galega, ademais de incidir na galeguización do deporte e de impulsar a igualdade de xénero".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta