O Parlamento pide ampliar a superficie dos PAC para que poidan aterrar helicópteros

A proposición, defendida polos populares, contou co apoio do BNG e a abstención do PSdeG.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2022 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia aprobou este xoves unha proposición non de lei pola que insta ampliar os puntos de atención continuada (PAC), co fin de que conten cunha superficie adecuada para facilitar o traslado de pacientes a centros hospitalarios, a través dos dous helicópteros cos que conta o 061, solicitando a colaboración dos concellos, que "facilitarán a dispoñibilidade de terreos de ser preciso".

Precisamente, este último aspecto foi o que levou o PSdeG a absterse na iniciativa, que contou co voto favorable do BNG, posto que desconfía, segundo trasladou o deputado Julio Torrado, de que ese inciso acabase por descargar a responsabilidade da cesión dos terreos e a carga económica nos concellos exclusivamente.

A iniciativa foi defendida pola portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo, quen explicou que "un dos recursos fundamentais, pola súa flexibilidade e pola súa rapidez", cos que conta a Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 son os dous helicópteros con base en Santiago e Ourense.

Son dúas aeronaves que realizaron nos últimos cinco anos ao redor de 5.000 servizos e cuxo equipamento permite prestar asistencia médica in situ a pacientes críticos no menor tempo posible, con persoal especializado e cos elementos necesarios para realizar manobras de soporte vital avanzado.

Amigo manifestou que dispor de helisuperficies nos puntos de atención continuada poden "liquidar situacións complexas en canto a patoloxías" que dependen dos tempos de resposta. "Se podemos contar con espazos adecuados para a aterraxe dos helicópteros, podemos reducir os tempos de asistencia aos pacientes e tamén se pode dotar deste servizo de maior seguridade con respecto aos puntos de toma habituais", destacou.

Centro de Saúde Galeras en Santiago de Compostela
Centro de Saúde Galeras en Santiago de Compostela

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta