O BNG pide á Xunta que interceda na negociación do convenio para o sector da conserva

Rego reclama ao Goberno que transfira a Galicia os activos da Sareb para situacións como a de 16 familias en Burela.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2022 | Actualizada ás 18:08

Comparte esta noticia

O BNG demandou á Xunta que se involucre de forma "activa" nas negociacións para a actualización do convenio para a conserva, do que a formación nacionalista espera que o novo marco laboral "termine definitivamente coa discriminación salarial de xénero" presente no sector.

A organización frontista rexistrou unha batería de iniciativas na Cámara autonómica nas que se dirixe ao Goberno galego, ao que convida a despregar "todos os seus medios e recursos" para que as negociacións avancen cara á eliminación dunha "discriminación escondida na segregación por sexos dos postos de traballo" que carrexa difererncias económicas nas retribucións.

Isto, segundo subliñou a portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario do Bloque, Rosana Pérez; débese a que os postos de produción están ocupados maioritaramiente por mulleres mentres que o persoal de oficios, por homes. "Resulta totalmente inxustificable que a Xunta se desentenda e non mova un dedo para tratar de mellorar os dereitos laborais máis básicos de case 12.000 persoas en Galicia, das que máis de 9.500 son mulleres", manifestou Pérez, que trasladou o apoio do BNG á folga convocada para este venres no sector.

Para a deputada nacionalista, "non ten explicación que a estas alturas o convenio teña que seguir negociándose en Madrid" cando "máis do 80% das industrias conserveiras de todo o Estado están en Galicia".

Neste sentido, o Bloque defende tamén a necesidade de que o Executivo galego promova no futuro a elaboración dun convenio a nivel autonómico para a conserva, un sector que, segundo Rosana Pérez, foi "un dos poucos" que saíu beneficiado durante a pandemia polo "carácter esencial dos seus produtos" e que viu incrementadas as súas exportacións nun 15%.

Así as cousas, a parlamentaria reinvidica a importancia de erradicar "definitivamente" a discriminación salarial dun sector formado "maioritariamente" por mulleres e que presenta diferenzas salariais "de 850 euros ao ano" enre as auxiliares de conserva e os axudantes, postos desempañados por homes.

PISOS SAREB BURELA

Por outra banda, o deputado no Congreso do BNG Néstor Rego reclamou explicacións ao Goberno central pola situación de 16 familias que residen nun inmoble de Burela propiedade da Sareb e que viron finalizados de forma "unilateral" os contratos de aluguer dos pisos.

Nun comunicado, Rego explica que as familias recibiron unha notificación nas que se lle comunicaba a finalización do contrato de aluguer para a posta en venda dos pisos dun edificio cualificado como de protección autonómica para aluguer a 25 anos, co que os residentes poderían prolongar a súa estancia ata 2029 (residen nas vivendas desde 2004).

Para o deputado, o Goberno debe transferir eses activos inmobiliarios a Galicia para que asuma a súa xestión o Instituto Galego de Vivenda e Solo de face á creación dunha bolsa de vivenda pública "que permita facilitar o acceso á vivenda de persoas e colectivos máis desfavorecidos e a mocidade do país".

"En Narón, A Coruña, Silleda e, agora Burela, a SAREB está a ignorar o seu propio compromiso de ceder os inmobles para vivenda social e continúa apostando polo desaloxo e o desafiuzamento das familias que viven nelas", denunciou Rego.

Rosana Pérez (BNG) en comisión. BNG
Rosana Pérez (BNG) en comisión. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta