As declaracións de acusados no xuízo da CEG suspéndense ao 3 de febreiro por enfermidade dun procesado

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2022 | Actualizada ás 10:57

Comparte esta noticia

O xuízo por fraude de subvencións na patronal galega a finais dos anos noventa suspende os interrogatorios pendentes a acusados ata o 3 de febreiro debido á enfermidade dun dos procesados.

Para este venres estaba fixada a segunda xornada deste xuízo, na que estaban previstas as declaracións de tres acusados que faltaban por tomar a palabra. Con todo, a ausencia dun dos investigados por enfermidade renal, que xa non estivo presente na primeira sesión do mércores, obrigou a pospor os interrogatorios.

Pola súa banda, o avogado do Estado anunciou que se retira da causa ao non manter o interese nela porque o "SEPE cobrou todos os prexuízos derivados da mesma", segundo explicou o presidente da Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña --con sede en Santiago--, Anxo Pantín.

Con todo, o xuízo proseguirá este mércores, 26 de xaneiro, coa toma de declaración como testemuñas a traballadores da patronal galega. Mentres, os avogados das defensas informaron da renuncia a diferentes testificais.

Na primeira sesión, o principal acusado por un suposto delito de fraude de subvencións a finais dos anos noventa na patronal galega, Rafael Sánchez Sostre, que foi secretario da CEG ata o ano 2000, acolleuse ao seu dereito a non declarar. Fiscalía pide para el catro anos de prisión e unha multa de dous millóns de euros.

Os outros oito acusados enfróntanse a peticións de dous anos de prisión --e multas que oscilan entre os 50.000 e os 500.000 euros--. Entre eles hai socios, xestores e representantes de empresas organizadoras de cursos de formación por supostamente apropiarse de fondos públicos destinados para ese efecto entre os anos 1996 e 1999.

Xuízo por fraude de subvencións na patronal galega
Xuízo por fraude de subvencións na patronal galega | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta