Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2022 | Actualizada ás 17:18
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou este venres o programa de actividades para o Día da Ilustración, o 30 de xaneiro, que contará con homenaxes a Reimundo Patiño e actividades nas bibliotecas públicas galegas. A programación inclúe talleres, charlas e exposicións nas bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta das principais cidades galegas.
Este ano conmemorarase o traballo do pintor, debuxante e deseñador coruñés Reimundo Patiño. Aínda que o día oficial é o 30 de xaneiro, en honra ao nacemento de Castelao, ao caer en domingo "adiantouse a data principal ao 28 para que coincida en venres", explicou. Con todo, Anxo Lorenzo destacou que "nas bibliotecas públicas xa van comezar as actividades ao longo da semana".
Pola súa banda, a presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), Laura Romero, lamentou que por segundo ano consecutivo se viron na situación de "ter que facer as actividades en formato streaming".
Romero refírese a unha serie de actividades que complementan ao programa principal nas bibliotecas e que se poderán ver de forma gratuíta o día 28 na web díadailustracion.gal, así como na súa canle de Youtube e Facebook, e terán á actriz Eva Rodríguez como condutora.
No acto tamén estiveron representantes de distintas escolas de arte de Galicia, así como a subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro, Cristina Dubal, e a creadora do cartel desta edición do 2022, Paula Mayor.
DÍA DA ILUSTRACIÓN 2022
O Día da Ilustración, cuxa primeira edición foi en 2014, naceu para "conmemorar e pór en valor o labor dos profesionais da ilustración na cultura galega" así como homenaxear as figuras que contribuíron a "consolidar a historia desta arte no noso país", tal e como explicou Anxo M. Lorenzo.
En canto ao autor escollido para este 2022, Reimundo Patiño, Lorenzo referiuse a el como un "auténtico pioneiro da ilustración galega" ao crear xunto a Xaquín Marín o primeiro cómic publicado en Galicia e en galego: '2 viaxes'. Por iso, remarcou a importancia deste día para "contribuír á difusión do traballo desenvolvido por este vangardista autodidacta".
O cartel da edición de 2022 correu a cargo da ilustradora Paula Mayor que, tal e como explicou, quixo facer referencia á "faceta máis surrealista" de Patiño, así como mostrar a riqueza cultural galega a través da mitoloxía e simboloxía.
ACTIVIDADES POR TODA GALICIA
Na capital galega atoparase a exposición central, 'Reimundo Patiño: O desacougo creador', na Biblioteca de Galicia (Cidade da Cultura), desde o 28 de xaneiro ata o 10 de maio. Nese mesmo espazo faranse máis actividades durante o devandito fin de semana, así como na Biblioteca Pública Anxel Casal.
Na Coruña, as actividades desenvolveranse na biblioteca Miguel González Garcés, na que haberá exposicións e actividades tanto para nenos como para adultos.
En Lugo, haberá un taller chamado 'Contando con imaxes' na Biblioteca Pública de Lugo. En canto a Ourense, as actividades serán todas na Biblioteca Nós, que terá exposicións e talleres de ilustración.
En Pontevedra será todo na a Biblioteca Antonio Odriozola, con mostras de libros ilustrados para un público familiar. Por último, en Vigo desenvolveranse as actividades na Biblioteca Juan Compañel con exposicións e talleres tanto para nenos como adultos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.