Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2022 | Actualizada ás 13:39
O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, instou á Xunta de Galicia a "deixar de queixarse" e "protestar" ante "calquera medida de avance social" como é o bono aluguer e que "faga todo o posible para a súa implementación".
O dirixente socialista pronunciouse deste xeito despois de que o domingo a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asegurase nun comunicado que esta axuda para mozas de 18 a 35 anos que prepara o Goberno central "apenas vai chegar ao 1,4 por cento dos posibles beneficiarios de Galicia".
Respecto diso, nunha rolda de prensa celebrada este luns na Cámara galega, Luís Álvarez cualificou de "polémica de curto alcance" as declaracións da Xunta. "O PP non defrauda, critica canta medida de avance social se puxo en marcha", censurou.
"Criticou a Lei de dependencia, critica a reforma do sistema de pensións, critica a reforma laboral e o último, critica un avance social que está chamado a converterse no quinto alicerce do benestar social, como é o acceso a unha vivenda", dixo.
Tras incidir en que "o PP pode completar, se ten a ben, este tipo de axudas porque ten as competencias en vivenda", pediulle á Xunta que "deixe de queixarse, de protestar por calquera medida de avance social". "Que non se opoña a ela, que faga todo o posible para a súa implementación, porque isto non é unha cuestión nin de siglas nin de ideoloxía, senón unha cuestión de persoas e de oportunidades", apuntou.
Ademais, puxo en cuestión o bono social da Xunta ao asegurar que a axuda media por mes que recibiron os beneficiarios "é de 224 euros", "menor que o bono anunciado polo Goberno".
FONDOS VINCULADOS AO EMPREGO
Por último, lembrou que na próxima sesión de control, a súa primeira como portavoz parlamentario, preguntará a Feijóo sobre a execución de fondos vinculados ao emprego.
"Aínda que cunha intensidade decrecente, o señor presidente da Xunta sumouse a unha polémica absolutamente ficticia de denunciar a repartición de 9 millóns de euros dun programa piloto, por tanto experimental, cando a Xunta ten unha execución absolutamente lamentable nos fondos destinados ao fomento do emprego", criticou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.