Absolven a un acusado de abusar sexualmente dunha menor con discapacidade intelectual

A Fiscalía pedía 11 anos e 9 meses de prisión, así como que o acusado non puidese comunicarse durante ese tempo coa menor.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/01/2022 | Actualizada ás 16:54

Comparte esta noticia

A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña absolveu a un acusado de abusar sexualmente dunha menor de idade, que ten recoñecida unha discapacidade intelectual do 68%, nun aparcadoiro próximo ao estadio de San Lázaro, en Santiago.

Así, a Sección Sexta da Audiencia, con sede en Santiago, considera que a proba practicada por uns feitos ocorridos en novembro de 2017 non permite acreditar "dun modo indubitado" a participación do investigado nos feitos. Fiscalía pedía 11 anos e 9 meses de prisión, así como que o acusado non puidese comunicarse durante ese tempo coa menor.

O fallo considera probado que o 17 de novembro de 2017, sobre as 17,00, horas o acusado recolleu no seu vehículo á menor na estación de autobuses de Santiago. Ambos desprazáronse ata as inmediacións do estadio de San Lázaro, pero "non resultou acreditado" que o individuo realizase un intento de agresión sexual.

"Á vista da proba practicada durante o acto da vista oral, conclúese que non existe proba de cargo de suficiente entidade para enervar a presunción de inocencia, que ampara a toda persoa acusada nun procedemento penal", sostén o xuíz.

Aínda que os peritos acreditaron no xuízo que o relato da suposta vítima era "moi probablemente crible", a Sala considera que a súa declaración se caracterizou por unha falta de explicación con relación a datos crave, pois non lembraba, por exemplo, como coñeceu alacusado, se chegou a sacar ou non o pene do pantalón ou como chegara desde o aparcadoiro do estadio á estación de autobuses". "Pero si que é certo que declarou con claridade que el lle colleu pola caluga, cunha man" e díxolle que lle fixese unha felación, "fixo forza cara abaixo e ela escapouse", agrega o fallo.

Con todo, a Audiencia Provincial observa que a moza "incorreu en ambigüidades, xeneralidades e vaguedades". "Non lembrando moitos dos datos que se lle preguntaban". Pola súa banda, o acusado confirmou que quedara coa menor tras iniciar o seu contacto por redes sociais e sen coñecela de antes. Sostivo que se trataba dunha cita de "contido sexual" e que foi ela a que lle dixo que quería facerlle unha felación. O día que foron ao aparcadoiro, asegura que ela lle fixo un chupetón no pescozo, quedou calada e levouna á estación de buses de novo. Posteriormente, ela bloqueoulle o teléfono e el borrou as conversacións de Whastsapp.

Durante o xuízo, unha amiga da menor indicou que esta "fantaseaba, inventaba cousas, coma se as vivise", indica o fallo. Por todo iso, o xuíz conclúe que "non existe proba de cargo de suficiente" e procédese a absolver ao acusado. Contra o fallo cabe recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Xulgados De Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo
Xulgados De Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta