Roberto Verino recibe o Premio Mentor 2021 da AGE polo seu "compromiso" e "impecable traxectoria e legado"

A Asociación de Novos Empresarios de Ourense tamén recoñeceu o labor da AODEM, a emprendedora Thais Ladra e a arquitecta Fátima Fernández.

Por Galicia Confidencial | OURENSE | 28/01/2022 | Actualizada ás 13:14

Comparte esta noticia

"Sigo crendo que ese soño que me fixo vir de París a Verín para montar unha industria de moda foi unha das mellores decisións da miña vida”. Así se expresou o empresario Roberto Verino no acto onde recibiu, e agradeceu, o Premio Mentor 2021 que lle concedeu a Asociación de Novos Empresarios de Ourense (AJE) na súa gala anual.

Roberto Verino recibe o Premio Mentor 2021 da AGE.
Roberto Verino recibe o Premio Mentor 2021 da AGE. | Fonte: remitida

Un recoñecemento que se lle outorgou, en palabras da presidenta de AJE Ourense, Nuria Iglesias, "polo gran compromiso de Roberto Verino coas novas xeracións de empresarios e pola súa impecable traxectoria e legado, mostras do talento e futuro de Ourense”. Na gala, o premiado Roberto Verino destacou a importancia de ter un proxecto sólido de empresa e rodeado de valores “que fan que empresas como a nosa estean ao pé do canón tras 40 anos”, asegurou.

Pola súa banda, Francisco Conde, vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación subliñou que “empresarios como Roberto Verino, cunha traxectoria tan dilatada, son un orgullo para Galicia e son unha fonte de inspiración para todos os emprendedores que empezan co seu soño e queren saír adiante”.

No acto tamén se recoñeceron o compromiso empresarial con galardón para a Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, Parkinson e Enfermidades Raras; a mellor iniciativa emprendedora ao estudo de interiores de Thais Ladra e o de novo empresario, que recaeu na arquitecta Fátima Fernández.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta