Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2022 | Actualizada ás 12:26
O Servizo Marítimo Provincial da Garda Civil da Coruña, en colaboración co Servizo de Gardacostas da Xunta de Galicia incautou case 100 quilos de polbo no porto de Camariñas. Os feitos sucederon cando efectivos destas unidades, no marco dun operativo do control da pesqueira do polbo no porto de Camariñas, detectaron como unha furgoneta cargada con mercadoría abandonaba o porto sen pasar pola lonxa.
Os axentes deron o alto á furgoneta e observaron que no interior do vehículo había tres capachos cun total de 99,7 quilos de polbo, dos que 11,5 quilos eran de tamaño inferior ao regulamentario.
Tras a comprobación, incautouse a totalidade do polbo e os 88,1 quilos de talla regulamentaria foron poxados na propia lonxa de Camariñas. O importe da venda foi ingresado a favor da Xunta de Galicia e o cefalópodo inmaturo foi entregado nun centro benéfico.
Por parte de ambas as forzas instruíronse as correspondentes denuncias á lei 11/2008 de pesca de Galicia, sobre o transporte de produtos de pesca sen a documentación regulamentaria, incumprimento das normas da pesada antes da primeira venda e pola tenencia de especies inmaturas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.