A Deputación de Pontevedra celebrará o 10 de febreiro unha xornada sobre os retos da cultura na época poscovid

O programa conta cun prazo máximo de 100 prazas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2022 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra, xunto á Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, organiza o próximo 10 de febreiro, no castelo de Soutomaior, unha xornada de debate sobre os desafíos aos que se enfronta o sector da cultura tras a pandemia de covid-19. O encontro, 'Retos da cultura poscovid', foi presentado pola presidenta provincial, Carmela Silva; e a vicepresidenta da entidade cultural, Clara Cordeiro. A inscrición está xa aberta e cun máximo de 100 prazas.

"Todas e todos sufrimos moito coa pandemia, pero particularmente as persoas que se dedican á cultura cos confinamentos, redución de público e peches. Pero esta situación tamén demostrou que a xente necesitou á cultura para soportar a pandemia, e a cultura permite ademais construír sociedades avanzadas e modernas, con pensamento crítico", explicou Carmela Silva, que destacou ademais que nas charlas e mesas "participará xente moi potente e diversa e a xornada permitirá tecer redes, sumar sinerxías e pór en contacto aos profesionais do sector".

Ademais, remarcou que nas charlas profundarase "na sustentabilidade, o feminismo, a necesidade de expandir a cultura a todo o territorio e nas redes colaborativas".

PROGRAMA

O 10 de febreiro, a presidenta da Deputación abrirá a xornada xunto á presidenta da Asociación e exdirectora do Pazo de Congresos de Pontevedra, Pilar Portela. A continuación, terá lugar a conferencia marco 'Retos da cultura poscovid' a cargo de Benito Burgos, coordinador do programa Cultura e Cidadanía na Subdirección General de Cooperación Cultural do Ministerio de Cultura.

Unha hora despois dará comezo a mesa de debate sobre 'Retos de futuro da xestión cultural na provincia de Pontevedra', na que participan o xornalista Alfonso Pato; a tamén comunicadora especializada no campo da cultura Marián Rodríguez; a sociólogay técnica cultural Marta Núñez; a xestora e comisaria cultural Paula Cabaleiro, directora da área de Cultura da Deputación; e Jorge Linheira, investigador sobre políticas culturais e autor do libro 'A cultura como reserva india. Trinta e seis anos de políticas non culturais en Galicia'.

Finalmente, pechará a xornada, ás 12,30 horas, a mesa 'Proxectos inspiradores en xestión cultural na provincia de Pontevedra'. Alí presentaranse iniciativas como a colección de cinco libros 'Defensoras de Dereitos', con textos de Lara Dopazo e ilustracións de Marta Conde e Rotmlnas e no que colaborou a Deputación; ou a cooperativa 'Somos Terra', que ten por obxecto educar e sensibilizar sobre a sustentabilidade, da man dunha das súas socias, Eva López.

Silvia Villar, activista, xestora e investigadora sociocultural, presentará 'A casa colorida', organización colectiva que axuda a desenvolver proxectos a través de software libre. Mar García, programadora da Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas de Vigo, dará a coñecer 'Achegando culturas', proxecto social que impulsa a bibliotecay a Fundación Secretariado Xitano para fomentar a cultura e a integración.

A xornada péchase coa intervención da presidenta da Asociación e de Carlos Lorenzo, secretario da entidade, consultor cultural e director do documental 'Vértice de versos'.

Cartel da xornada de debate organizada pola Deputación de Pontevedra. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Cartel da xornada de debate organizada pola Deputación de Pontevedra. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta