Deconstruíndo Ferrol

Como se pode facer unha reportaxe televisiva de 30 minutos sobre unha cidade da que non se sabe nin o nome? Que llo pregunten á xornalista española que conduciu o documental "Deconstruyendo Ferrol", emitido esta semana pola cadea pública estatal, coa situación agónica da cidade galega de fondo.

Por F.Glez.Tenreiro | Ferrol | 08/05/2014

Comparte esta noticia
A enviada especial da TVE ao noso país pasou os pouco máis de 27 minutos de programa falando de "El Ferrol", a pesar de que o nome real da vila era repetido, unha e outra vez, polos seus interlocutores. Pois nin con esas aprendeu, e é que hai xente moi tarda cos idiomas. 
 
Se se tratou dunha decisión consciente de menosprezo toponímico da nosa lingua ou se foi un acto non menos ignorante que a liña argumental da reportaxe é o de menos. O importante, o curioso, o alegórico, é a repercusión que ten no noso país un documental así, feito en plan National Geographic, simplemente polo feito de que se retransmita máis alá das nosas fronteiras, aínda que saibamos que máis alá das nosas fronteiras non lle vai interesar a ninguén.
 
Ímolo ver igual. "Non sabe do que fala, mais é da televisión española". Coa política ocorre o mesmo. Montoro tampouco sabe dicir Ferrol. 
 
Recibimos, con todo, esa dose pedagóxica, moi propia da TVE, de correctismo político español, con declaracións categóricas tales como: "a culpa do veto é da UE", como se o Estado español e a súa bicefalia política non tivesen nada que ver; ou "Ferrol era unha vila deprimida antes da chegada da armada española", obviando que a nosa xente, mariñeiros e labregos, foi obrigada a ceder terras, praias e bancos marisqueiros, casas e o seu propio traballo, de maneira forzada e sen contraprestación, para o levantamento desa cidadela castrense que aínda hoxe separa a Ferrol do mar. Chegouse a suxerir como "idea inovadora" (de xeito aleccionador e esmoleiro para este pobo dependente de periferias) o concepto de diversificación: "¿No puede ser esa la opción de futuro, desguazar barcos?", dicía a xornalista, alén de filóloga, chatarreira. Alguén imaxina a unha xornalista inglesa da BBC captando peor a idiosincrasia de Ferrol e os seus problemas? 
 
Con certeza, Ferrol pode ser a protagonista dunha reportaxe de catástrofes "naturais" nunha televisión estranxeira e agardar pola esmola xenerosa doutras nacións para paliar as necesidades de subsistencia máis urxentes. Mais é suicida pensar que a cidade poderá sobrevivir como tal se continúa percibindo os eventos que desencadearon a súa ruina como causas naturais irremediábeis, se non os asume como problemas políticos entre territorios que reflicten, como en ningún outro sitio de Galiza, a nosa situación de dependencia, de ausencia de soberanía e poder de decisión sobre os asuntos máis importantes que nos afectan, no caso que nos ocupa, o tecido produtivo. Se quere seguir facendo barcos (e non desfacelos) Ferrol deberá rebelarse, poñerse en pé de guerra, contra o veto que pactou o Estado español coa Unión Europea, sen esquecer o dano feito e consumado dos traidores e mentireiros. O futuro de Ferrol só lle importa, só lle ten que importar, aos ferroláns e aos galegos. El Ferrol non existe. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Borxa González Tenreiro Francisco de Borxa González Tenreiro (Ferrol, 1976) é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e tradutor certificado polo Birmingham City College. Traballou de tradutor e intérprete no Reino Unido e foi xefe de redacción do Grupo Hipala Communication en Málaga. Actualmente é director da axencia de tradución e comunicación englishpanish, en Ferrolterra.