O nacionalismo, Los Limones e Syriza Caníbal

Non nos enganemos. Os nacionalistas non perdemos nada o pasado 21 de outubro. Eu e todos aqueles que non renuncian á súa identidade histórica, que non se resignan a vivir en actitude de vasalaxe perante Castilla, agora apéndice inflamado do imperio xermánico, seguimos sendo tan dignos de autoproclamarnos galegos como o día anterior ás eleccións.

Por F.Glez.Tenreiro | Narón | 03/11/2012

Comparte esta noticia
Vivimos en galego despois de restaurar a dignidade da lingua de nosos avós e fixémonos acredores da súa salvagarda fronte a actitude pasiva de moitos dos nosos concidadáns, que a deixarían morrer por inanición; así mesmo, acreditamos nas potencialidades de Galiza como país, dos seus recursos, da súa industria e do seu traballo para vivir de maneira independente e sen esmolas, e así o denunciamos ante un Estado español parasitario que nos quere perpetuar nunha relación de caridade maquiavelicamente conspirada en beneficio da Meseta e dos seus testaferros locais. Galiza, como unidade étnica, saíu malparada; mais nós, a nivel individual, non somos os que padecemos a súa alienación. 
 
Nestes momentos tan complicados cómpre, pois, non recrear as actitudes masoquistas que adoitan practicar os que se mostran absolutamente permisivos coa traizón das sucursais dos partidos españois e que, arengados pola prensa caciqueira, non perdoan a máis mínima asimetría nos miles de militantes do nacionalismo galego. Que fique claro: é antilóxico botarlle a culpa da desgaleguización do Parlamento de Galiza ao único partido político xenuinamente galego representado no Parlamento de Galiza. 
 
Son dos que pensan que os resultados obtidos nas eleccións serían practicamente os mesmos con outros candidatos ou apuntalando con máis vigor outros aspectos do programa nacionalista. Sobrevalórase a capacidade dos partidos para "facer chegar" o seu discurso á sociedade nas campañas electorais cando non se conta con ningún grupo corporativo mediático afín, xa sexa de prensa diaria, radio ou televisión; no caso do BNG, máis ben o contrario. O arroubo de Beiras, por exemplo, comparando a Feijóo cun terrorista, sería utilizado como munición pesada tanto polo Presidente (que non dixo nin pío) como pola súa maquinaria de prensa se o agora "profesor" tivese confluído nestas eleccións como cabeza de lista do BNG. Porén como candidato de AGE a frase se converteu nun reclamo electoral, gratuíta e simpaticamente mediatizada con fins máis que evidentes. 
 
Os nacionalistas carecemos da compresión dunha importante parte da poboación, é certo; mais tamén somos uns privilexiados por ter a posibilidade de valorar as cousas desde a universalidade que nos confire a nosa conciencia de galegos. Somos testudos e sabemos que a única posibilidade de vitoria colectiva está na nosa insistencia, máis que centenaria. Uns comicios electorais, dous ou tres non poden determinar o destino dunha nación que sobreviviu cinco séculos de negación; un cambio como o que persigue o nacionalismo só se pode acadar coa maioría social e non con 12, 16 ou 22 deputados. Se a representación parlamentar e, por suposto, o absentismo son un reflexo desas maiorías, os nacionalistas nunca estivemos preto desa meta, nin agora nin nos tempos de Castelao, e podemos estar certos que serán necesarias varias décadas máis para poder cambiar o rumbo que leva este país. Motivos para a esperanza ségueos habendo, en especial, no sentimento patriótico latente que todos nós detectamos na inmensa maioría da poboación galega e que debería dar máis de si que para un anuncio do Gadis. 
 
É máis, o noso discurso non pode ser tan oposto aos desexos da xente cando o PPdeG, o PSdeG e agora, con máis descaro, o IUdeG fixeron seus varios dos seus postulados máis importantes; iso si, deturpados en fondo e forma até facerse case que irrecoñecíbeis. Con todo, é indubidábel que a utilización do galego por políticos castellano-falantes e até galego-fóbicos, ou o emprego da palabra "país" para referirse a Galiza, son empréstitos collidos do nacionalismo e aplicados nesa política de confusión que tan intelixentemente chegou a dominar o PPdeG. 
 
A este respecto, creo que o BNG conseguiu nestas eleccións marcar unha distancia máis clara co "galeguismo", posicionándose sen eufemismos polo soberanismo e a autodeterminación. Estivo, por tanto, á altura das circunstancias do momento histórico que viven as nacións e rexións que conforman o Estado español (art. 2 CE), inmerso á súa vez nun conflito de soberanía coa Alemaña de Merkel. Non se pode dicir o mesmo das franquías galegas dos partidos estatais, cun discurso absolutamente contraditorio que nin sequera aclara un aspecto tan básico como o status de Galiza (nación, rexión ou provincia), cando a conceptualización de todo ente territorial debería ser a premisa inicial para a súa organización política, administrativa e xudicial. 
 
Neste sentido, é evidente que o status político de Galiza (Comunidade Autónoma) ten que ir adscrito a un ente natural. Para o nacionalismo fica claro que ese ente é unha nación. Con todo, un observador estranxeiro deduciría unha conclusión semellante dos mitins electorais do PP, PSOE e IU, onde os seus candidatos non tiveron reparos á hora de referirse a Galiza como "país", unha palabra sinónima de nación para o 99,9% da civilización occidental europea. Logo, se Galiza é un país, España que é, un país de países? 
 
Pode resultar que os galegos teñamos a sorte de ser os únicos cidadáns do mundo que adquiramos a dobre nacionalidade por nacemento, o que nos aforraría os engarrosos trámites administrativos dos consulados. Mais se nos guiamos por regras universais, Galiza ten que ser ou ben un país ou ben unha rexión/provincia, non pode ser as dúas cousas; e se é un país, entón tampouco pode ser España, porque España é outro, ou non o é? 
 
O certo é que nesta campaña electoral fiquei coas ganas de coñecer a opinión de Feijóo, Pachi Vázquez ou Yolanda Díaz, a fin de comprobar se mentían para conectar coa maioría do electorado galego (que seica considera que Galiza ten os mesmos dereitos que Castilla, Cataluña ou Euskadi) ou se se trataba dunha simple confusión idiomática ("país" cando falan en galego, "región" cando falan en español). En calquera caso, non é sen tempo que lle aclaren aos galegos, e aos seus xefes de Madrid, se pensan que Galiza é un país, con todas as súas consecuencias, ou unha simple rexión. 
 
Deixando a un lado este dobre xogo do galeguismo/españolismo, o nacionalismo tampouco pode evitar diluírse nas contendas electorais no sistema estatal de partidos, onde se simplifica o espectro de alternativas políticas ao dilema da esquerda e a dereita, a semellanza do que ocorre co resto das democracias capitalistas. Os grandes beneficiados deste brillante xogo de marketing son, máis unha vez, os dous partidos estatais que conforman o bipartidismo sistemático, os cales, ademais de consolidarse como as dúas únicas alternativas, teñen a vantaxe de poder compartir as culpas dos seus fracasos co resto de formacións da súa respectiva orientación política (aínda que só sexa a efectos nominativos). 
 
Na miña opinión, o xiro soberanista non estará completo mentres o nacionalismo non se desprenda do lastro da esquerda e a dereita españolas; unha cortina de fume que esconde o maior conflito existente no Estado e que non é outro que a contenda que manteñen o españolismo e o nacionalismo. Este subterfuxio púxose de manifesto en Euskadi co anterior goberno de coalición. Os pésimos resultados electorais que alí obtivo o españolismo, comparándoos cos de Galiza, veñen a demostrar que a integración do nacionalismo nun dos dous espectros (esquerda/dereita) é unha estratexia de anulación moito máis eficaz que o seu illamento ou exclusión. 
 
Non parece, pois, o máis intelixente para o nacionalismo galego etiquetarse cun dos sinais de identidade máis característicos do sistema que pretende superar. Máis, se cabe, cando os principios de xustiza social (como o reparto equitativo da riqueza, a universalidade da educación e a sanidade ou os dereitos laborais) pertencen xa á ética común dos pobos europeos, absolutamente indignados co comportamento inmoral dos seus dirixentes, nominativamente de dereitas e de esquerdas. Dando por sentado que a ética se debe practicar na política sen necesidade de transcribila nun principio programático, o nacionalismo podería estar incorrendo nun grave erro estratéxico persistindo nesta alianza ficticia das esquerdas españolas, xa sexa co PSOE ou con IU, obviando ademais que a condición sine qua non para o exercicio efectivo dunha política global de esquerdas é a recuperación da soberanía. A de Galiza, profesor, non a de Grecia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Borxa González Tenreiro Francisco de Borxa González Tenreiro (Ferrol, 1976) é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e tradutor certificado polo Birmingham City College. Traballou de tradutor e intérprete no Reino Unido e foi xefe de redacción do Grupo Hipala Communication en Málaga. Actualmente é director da axencia de tradución e comunicación englishpanish, en Ferrolterra.