A imprevisibilidade transformadora e o postnacionalismo galego

Segundo o filósofo español Félix Duque a postmodernidade remata no ano 2000 coa destrución das torres xemelgas de New York, masacre simbólica e real dunha civilización e dun modelo económico.

Por Xosé Lois Carreira | Ourense | 18/11/2012

Comparte esta noticia
O desconcerto social xerado daquela ante semellante deslocalización total do terror castigando directamente a cerne mesma do todo poderoso imperio anglosaxón capitalista, ultraliberal, intocable e asegurado á todo risco por poderosas axencias financeiras privadas internacionais, marca o punto de inflexión dunha xeira. Nunhas poucas horas a imprevisibilidade absoluta do terror transforma crenzas, desexos, arelas, fantasías e anhelos dunha sociedade americana, branca, heterosexual, supostamente desenrolada e ata entón inquebrantable.
 
Ese carácter imprevisible e transformador agromou tamén no panorama político galego coa volta do veterano nacionalista Xosé Manuel Beiras. Unha imprevisibilidade transformadora que tamén impregna a totalidade das reflexións de Edouard Glissant e que non é outra que a ceibada polas diferentes culturas do mundo cando entran en relación entre si, caracterizándose pola ambigüidade, a imaxinación, o mestizaxe, a resistencia e a resilencia, a capacidade de sobreporse ao adverso.
 
Galiza, igual que moitas comunidades, nacións, países ou continentes, segue a padecer a hemorraxia das migracións que, salvando todo o negativo, inevitablemente conéctannos dun extremo ó outro do mundo facendo que as culturas actuais vivan nun mesmo momento varios tempos e espazos, unha contracción amplificada polas constantes influencias que chegan das imaxes, as culturas e as identidades en continuo movemento. O impacto decisivo dos medios de comunicación como experiencia que activa o imaxinario colectivo transforma a mesma definición de identidade e fai que teña que ser repensada en tempos de globalización, repensada nunha dimensión multicultural que bebe de múltiples fontes e repertorios, que pode ser multilingüe, transumante e ata clonarse como esa mesma identidade primixenia moi lonxe do territorio onde naceu.
 
Hoxe toda reflexión sobre a identidade en termos conservacionistas semella como un intento de forzar os feitos, de deter procesos sociais inexorables, en constante renovación e transformación constante; é como pretender embalsamar nun conxunto de matices invariables algo que xa está en transformación permanente. 
 
O mestizaxe é un fenómeno que facilita o pensamento do encontro e da relación nun mundo total, onde a internacionalización das culturas, ideas, tendencias, modas, gustos móvese a unha velocidade que atravesa continentes. O mestizaxe colle o novo sen rexeitar o pasado e na súa imprevisibilidade modifica, erosiona, lima, transforma. Cruza as liñas divisorias entre las linguas e culturas para desmontar a estabilidade, a inmobilidade, a unicidade e o monolitismo. A diferenza non deteriora, e cando as ideoloxías do mundo, as súas visións, as súas cosmogonías e prefiguracións, os castelos no aire que se erixen se veñen abaixo, é necesario levantar de novo este imaxinario. Non se trata de soñar o mundo ideal, senón de intervir no real, de transformalo. 
E neste contexto de relación e apertura ao outro aparece a creatividade como un rizoma necesario, sen centro nin periferia, abríndose á compenetración co outro mantendo as diferenzas. A complexión dunha identidade de relación comporta unha apertura ao outro, sen risco de disolucións, onde a centralidade do imaxinario colectivo é un factor dinámico da vida que converte aos individuos e a súa rutina, xunto coas fantasías e anhelos, no terreo de xogo onde se está a decidir o futuro da nosa sociedade. Non será ningunha débeda histórica herdada do plebiscito do 1933, nin ningún factor dogmático, a clave de bóveda para que Galiza poda exercer ou non a súa plena soberanía será que así o queira ou non a vontade maioritaria do pobo galego. E dado o carácter plural e marcadamente migratorio da nosa sociedade, será só na imprevisible e rotunda centralidade do noso imaxinario colectivo onde se lle permita ao postnacionalismo galego acadar o respaldo electoral masivo, factor da transformación total deste país nunca antes imaxinada. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA