Un yonki desviado do poder

Bertolt Brecht dicía que si un vaso está lixoso, todo o que nel botes acedarase.

Por Xosé Lois Carreira | Ourense | 14/12/2013

Comparte esta noticia
É certo. Na Limia témolo acreditado coa experiencia municipal dos derradeiros corenta anos. E seguimos hoxe mesmo certificando o cumprimento desta hipótese, xa na cátedra da total deturpación política do PP, segundo á segundo, milímetro á milímetro ata chegar como unha marea negra ó peirao do órgano administrativo máis próximo e importante da nosa vida, o concello. Totalmente podrecido onde a corrupción non só tentou perverter aos secretarios municipais senón que o seu obxectivo real é facelo coa alma enteira da institución, da Limia e do País se puidera.
 
Naide ve nada. O alcalde non ten culpa, é un enfermo, un adicto, un yonki da desviación do poder que corre polas súas veas. É o seu estilo, o seu xeito íntimo de entender o poder, de facer política: comigo ou contra min. Sen embargo a escolla entre ser honorables cidadáns de pleno dereito ou infames súbditos da caría, respectivamente, brancos ou negros, é nosa, da capacidade crítica do noso bandullo.
 
Dáme a risa. Encántame escoitar as mentiras do vello tenente de alcalde de San Pedro cando todo o mundo xa sabe a verdade: o precintado do ordenador non foi para comprobar información senón para manipular de xeito obsceno informes sensibles e determinantes, probas incriminatorias da prevaricación. Que máis dá, temos asumido que un político é pervertido non tanto polo diñeiro senón pola teimuda obsesión de amasalo, é unha adicción, unha enfermidade, unha máis que máis ten. Desde logo, para facernos a vida un pouco mellor non compre pedirlle prebendas a ninguén, non debe ter moito morbo nin liñas roxas aquilo da defensa do interese xeral, o benestar e a mellora da calidade de vida dos nosos concidadáns, cando pasou ao esquecemento.
 
O serio, o triste, é que calquera inxustiza contra un funcionario, sexa un conserxe ou o sexa o Secretario, o funcionario de máis alto rango do concello, agocha unha ameaza implícita contra a credibilidade da propia institución local, mesmo contra o proceso electoral que a lexitima, e por extensión ameaza a toda a cidadanía, nós, verdugos de nos mesmos ao depositar de boa fe tanta confianza nun yonki desviado do poder.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé Lois Carreira Nado en Parada de Ribeira, Xinzo da Limia, Ourense, en 1971. Licenciado en Belas Artes pola Universidade do País Vasco. Artista plástico e concelleiro do BNG en Xinzo da Limia. Presidente da Asociación Cultural O Muíño da Lama.