Ética exprés para corruptos

Neste mesmo instante estanse a librar a escala mundial múltiples e diversas batallas, encarnizadas contendas que a humanidade xa ten perdidas de antemán: o cambio climático, o tráfico de drogas, armas, persoas e fármacos, a redistribución da riqueza, a erradicación da pobreza, da fame e da enfermidade, a corrupción en xeral, …

Por Xosé Lois Carreira | Ourense | 16/04/2014

Comparte esta noticia
Todas semellan inexorables limiares cara os que camiñamos de xeito suicida ao lombo de invisibles colosos financeiros onde a manida corrupción actúa nas súas trincheiras como un potente catalizador que retroalimenta e multiplica todo o resto.
 
Con todo, a corrupción política non ten nada que ver coa ética ou cunha pretendida feble moral a fortalecerse pola vía rápida da blindaxe de conciencia coa simple ocorrencia dun código exprés. A orixe da corrupción política é máis complexa, é netamente material e ao estender os seus longos tentáculos cal rizoma moi lonxe das propias causas repercute con toda a súa virulencia sobre quen xa viña corrompido con anterioridade ao cargo público. E aínda máis complexa se cabe dada a súa voraz e exponencial propagación nunha cultura onde o motor do negocio empresarial ligado a licitación de obra pública, aínda e con todo o que xudicialmente está caendo, non se entende sen o lubricante da prevaricación. E como exemplo paradigmático, Xinzo da Limia e o seu aínda alcalde á cabeza dunha trama empresarial teledirixida exclusivamente á captación en fraude de lei de contratos públicos e orquestrada desde a propia asesoría fiscal privada do mandatario limiao.
 
O máis triste e sangrante de todo isto é que un pobo que reiterada e alegremente escolle para gobernarse a corruptos, despois de vilipendiar e reprochar este comportamento ata a extenuación, non é a súa vítima senón que é o seu principal cómplice e tamén a súa causa máis preocupante e de difícil atallo. Si é que realmente interesa a súa erradicación.
Por moito código de ética que rece nas impolutas solapas de Núñez Feijoo e Baltar, non servirá para nada se primeiro non esterilizan a fondo os seus propios calzóns; todo o que luzan por riba deles afearase e afearaos co acedo da pobreza, da fame e da desgraza dunha sociedade derrotada, pegada directa da corrupción deste País.     

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA