Aquel interminábel verán de 2005

Ao principio, cando un é novo, por enriba de outras moitas honrosas empresas lóitase sobre todo pola patria.

Por Xosé Lois Carreira | Ourense | 02/09/2015

Comparte esta noticia
As veces, aínda sen saber ben nin como loitar nin que raio era tal cousa da patria. 
 
Daquelas a idea da patria cinguíase á chaira limiá, pequeno país, mestura de inocencia e desexo salvaxe, estraños moumiños na raia dunha España indolente e arma, sempre enramada na teima do agravio histórico que por fin ía ser paliado con algo máis que cifras, estadísticas e fervor á virxe do puño popular. 
 
Daquela volta falábase as claras e con números do impulso definitivo ó sector agrario da comarca. Plans de regadíos que hoxe ninguén reclama como punta de lanza dunha morea de axudas a todos os niveis que se puxeron en marcha. Con cartos. Nunca antes os técnicos do Medio Rural desempoaran tanto plano e expediente dende a desecación de 1950. Só en tres anos e medio.
 
Despois daquelo, xa cuns anos máis no lombo e co xugo libertario da idea que non morre ata que o faga a derradeira persoa que crea nela, lóitase por Castelao e polos compañeiros do partido, para non deixar a ningún dos dous na estacada. 
 
Despois lóitase pola veciñanza, polo benestar aquel do Quintana, causa menos poética pero máis útil contra o desánimo e a frustración colectiva. 
 
Despois lóitase por un mesmo, por pura selección natural nunha orde xa demasiado virulenta, moita hostilidade social para unha estrutura vella i enferruxada. Rexan as siglas.
 
Despois lóitase para atallar a vaga de desilusión e orfandade que xa borda polo cumio da desesperanza. 
 
Despois lóitase por un anaco de mesura, polo sosegado grolo tostado no alambique da amizade, do relato lóxico, terapéutico e intelixíbel do acontecido, reivindicando as grandes lagoas do esquecemento, pola paz interior.
 
E finalmente lóitase pola despedida, pola fin e por un novo comezo, pode que todos xuntos de novo, outra vez por ela neste verán finito de 2015, infinda negra sombra daquel interminábel verán con Alfredo Suárez Canal ao fronte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA