Existen a días de hoxe innumerables violacións dos Dereitos Humanos que se están a levar a cabo grazas ao fomento da indiferenza, grazas a que miramos para outro lado; unha indiferencia que dá de comer ao ego, ao espírito psicópata dos narcisistas. E aí están, lamentablemente, os homes e as mulleres, nenos e nenas que, en pleno século XXI, aínda morren de fame e guerra, mentres que un puñado de bobos elitistas flipan demasiado ao ver como a IA está a un paso en gañar ao ser humano en termos de empatía.
Ve agora a luz o novo poemario de Elisabeth Oliveira, “As Ninguén” (editorial Belagua), onde a autora fai un alto no camiño para, á súa digna maneira, confirmar e evaluar a situación que citei anteriormente. Elisabeth, grazas aos golpes dos versos, fai un balance de vida, de igualdade e de tolerancia. Ela fala da necesidade de poñer no espírito da xente a decencia que tanta falta nos fai e que, dalgún xeito, imos perdendo a medida que o ser humano se transforma nun autómata aderezado de aparencias, de relatos inservibles para o ben común.
Fomos asasinando a poética nestas últimas décadas? Moi posiblemente. Estamos a gardar silencio ante as inxustizas do día a día, cara ao próximo e cara a nós mesmos, e non nos rebelamos, calamos, asentimos apenados, pero non o rebelamos, deixamos facer, de tal modo, que fan connosco o que lles dá a gana.
Elisabeth si se rebela utilizando esta trincheira de versos que analizan e critican moi en profundidade o contexto social actual, unha situación chea de ilegalidades, de desigualdade, de “todo ten un prezo”, sen saber que o que realmente posúe valor non se pode comprar con diñeiro, anque moitas persoas logren saber isto xa estando no leito de morte.
Oliveira fala da muller, as mulleres, de aí o axeitado título do seu libro. Concéntrase de forma exquisita nese espírito feminino que, durante séculos, foi sancionado e menoscabado por unha sociedade patriarcal que tampouco -como non- entendeu de empatía cara a elas. Así é que a autora chega a expresar cunha lírica perfectamente equilibrada e contundente: “Aquelas, estas, “as ninguén”, que calaron, anularon, queimaron, aínda somos nós. Nós, mulleres, nada máis, nada menos, aínda en loita por re-coñecernos iguais”. Unha loita que é constante e que continúa sen descanso, neste caso, un acometimiento elaborado pola excelsa tinta de Oliveira, a base de estrofas, de metáforas, imaxes, de días fronte ao mar e ofensiva permanente contra o mal que non cesa.
E relendo “As Ninguén”, pasando por versos que homenaxean ás nais e ás fillas, atópome cunha recomendación definitivamente necesaria, vital, un encargo para que o mundo se nos mostre un pouco máis equitativo e digno: “Compre deixar de mirar/de esguello a realidade. /Compre falar de ti, /falar contigo, /a través de ti, /xa sen finxir a sabedoría/que esperabas en min, /adulta”.
Porque, como algúns xa sabemos, facer o correcto e facer o difícil adoita ser case sempre a mesma cousa.