A práctica coincidencia temporal deste acto parlamentar co Congreso do Partido Popular proporcionaron interesantes liñas de reflexión a respecto da folla de ruta que está a seguir o principal líder da oposición.
Comparando a retórica exhibida por Feijoo en ambos eventos, alguén utilizou a vella metáfora do Dr. Jekyll e de Mr. Hyde para aludir ás dúas identidades presentes nos discursos pronunciados por este dirixente político. No conclave do seu partido apelou ao tradicional "centrismo" invocado noutros momentos por anteriores persoeiros. E no Parlamento estatal manifestou a máxima belixerancia contra Pedro Sánchez para demostrar que podía superar o habitual radicalismo de Abascal.
Quen consulte o relatorio político aprobado na cita congresual do PP -algo que, sorprendentemente, moi poucos medios fixeron- pode comprobar que a típica colección de xeneralidades non agacha a evidente deriva dereitista das promesas concretas que se formulan en distintos ámbitos programáticos dunha futura acción gobernamental. Cuns acentos ou con outros, fica claro que con Alberto Núñez na Moncloa haberá unha notábel involución en materia territorial, económica, social, migratoria, de igualdade de xénero, de memoria democrática...
As declaracións contraditorias de varios dirixentes do PP a respecto dunha eventual presenza de Vox na equipa gobernamental son foguetes destinados a oficiar unha deliberada cerimonia da confusión para tratar de cadrar un beneficioso círculo electoral: sementar o "voto útil" no electorado do partido de Abascal sen facilitar a mobilización daqueles votantes da esquerda potencialmente abstencionistas. Cabe pensar que os principais factores determinantes da existencia dun hipotético goberno de coalición serán os propios resultados electorais e a vontade decidida da ultradereita para ocupar cadeiras ministeriais. Coa aritmética na man, Feijoo só tería unha posibilidade alternativa: confiar nun escenario semellante ao que se vive hoxe na República portuguesa. Ou sexa: un goberno en solitario con algúns pactos relevantes (orzamentos, como mínimo) cun PSOE no que Pedro Sánchez teña desaparecido da primeira liña. A día de hoxe, tal obxectivo non semella realista, entre outras cousas pola extremada descualificación verbal ("partido corrupto, destrutor de España, defensor da prostitución...") que practica na controversia política diaria.
Feijoo está reproducindo a táctica que utilizou na oposición ao goberno bipartito que dirixiu a Xunta entre 2005 e 2009: negativa a pactar unha reforma do Estatuto que proporcionase unha maior capacidade de autogoberno ás institucións galegas; utilización da traxedia incendiaria nos montes como ferramenta para desgastar ao Executivo; carencia de escrúpulos no uso de mentiras contra Touriño e Quintana... Despois de moitos anos, un sector do mundo mediático descubriu que o político dos Peares non encaixa co retrato que tiñan debuxado até a súa chegada á política estatal.
Para quen coñeciamos o seu tránsito anterior pola política galega, o recente Congreso do PP deparou algunha circunstancia significativa. Nos discursos pronunciados ante os afiliados asistentes, o ex-presidente da Xunta ignorou a figura de Manuel Fraga e reivindicou o papel de Aznar na historia recente do seu partido. Se o vello "patriarca" de Vilalba regresara da tumba ficaría abraiado: a consistencia política que se poda predicar do PPdG débelle moito ás aportacións que realizou o ex-ministro franquista ("Administración única", "autoidentificación", "Conferencia de Presidentes autonómicos", reforma do Senado, presenza das CCAA nalgúns organismos da UE...) e que nunca aceitou o novo padriño elixido por Feijoo para acompañalo na súa viaxe cara á Moncloa. A pregunta resulta pertinente: hai alguén no actual Partido Popular galego capaz de manifestar unha opinión discrepante co líder estatal e reivindicar a herdanza autonomista do fraguismo? Se, como parece, a resposta é negativa, podemos afirmar que estamos asistindo ao enterro político da cativa singularidade que habitaba na organización que ven hexemonizando, dende hai moitos, anos as institucións do autogoberno galego.