Por Xesús Veiga | SANTIAGO | 05/08/2025
Pola experiencia acumulada sabemos que o medre da presenza da lingua galega na vida social non depende exclusivamente do catálogo de normais legais que recoñezan e regulen o seu uso. A existencia dunha lexislación de calidade é unha condición necesaria pero non suficiente.
Poren, a iniciativa promovida polo actual goberno do Estado para asegurar o recoñecemento do galego, do catalán e do euskera no ámbito das institucións da UE constitúe unha peza moi relevante para favorecer o desenvolvemento desas linguas no momento presente e, sobre todo, no futuro. Polas novas que se coñecen, hai algúns Estados que non semellan dispostos a consensuar o apoio solicitado a pesar do compromiso adquirido polo goberno estatal español para asumir os gastos económicos asociados a semellante iniciativa. Esas dúbidas e desacordos poñen en perigo a consecución final do obxectivo pretendido. Seguramente, a oposición activa desenvolvida polo PP español ten activado aos seus partidos irmáns no ámbito da UE para facer posíbel o fracaso da proposta do goberno de Pedro Sánchez.
O papel que está xogando o presidente da Xunta --e o conxunto do seu goberno-- neste importante asunto constitúe unha vergonza impropia de quen ocupan a máxima institución do autogoberno galego vixente. Que Núñez Feijoo e Alfonso Rueda personalicen a negativa ao recoñecemento do galego no ámbito institucional europeo é a mais recente demostración de que o talante autonomista practicado por Manuel Fraga durante os seus mandatos ficou arquivado nos libros de historia e deixou de inspirar as políticas do PPdG.
Aínda que non resulte sorprendente a actitude que está exhibindo a elite dirixente do PP neste tema, si é chamativo o silencio total que se detecta, polo momento, no universo social que rodea a este partido. Que un símbolo da identidade galega padeza un desprezo tan notorio debería suscitar pronunciamentos críticos entre creadores de opinión e persoas representativas do tecido asociativo existente no País. Que esta situación non teña motivado reflexións editoriais das cabeceiras clásicas dos xornais editados no territorio galego revela unha grave indiferenza que cuestiona seriamente o proclamado compromiso cos seus lectores. Que determinados opinadores non ergan a súa voz contra o abandono do idioma galego por parte das autoridades que deberían defendelo ante as instancias da UE, demostra que a súa preocupación prioritaria é o derrocamento do goberno de Sánchez por riba de calquera outra consideración sobre a oportunidade de acadar un maior recoñecemento legal da lingua galega no espazo europeo.
Este contexto social e mediático abre unha potencial oportunidade ás formacións políticas que conforman a oposición parlamentaria no pazo do Hórreo. Singularmente, no caso do BNG, semella unha ocasión propicia para desenvolver concrecións prácticas do acertado chamamento realizado por Ana Pontón na recente celebración do Dia da Patria. Se, tal e como afirmou a dirixente nacionalista, o BNG quere ser a casa común de todas as persoas que "levan a Galiza na cabeza e no corazón", debe aproveitar as fendas que se podan abrir entre aqueles sectores que se sintan defraudados pola actitude do actual goberno da Xunta ante a demanda do recoñecemento da lingua galega no ámbito comunitario europeo. Non é doado, certamente, erosionar a poderosa base social que posúe o PPdG. Semellante reto esixe doses notábeis de intelixencia política e o abandono das rutinas sectarias que cortocircuiten as posibilidades de ampliación da influenza electoral e política do nacionalismo galego.