Embutidos lalinenses, unha empresa galeguizada e galeguizadora

Hai cen anos celebrouse en Lugo, os primeiros días do mes de outubro, o 1ª Congreso de Economía de Galicia, promovido polo alcalde da cidade Eduardo Rosón, quen denunciou a ruina das institucións económicas de Galicia.

Por Xosé Glez. | Vigo | 21/09/2025

Comparte esta noticia
Foron varios días de debates interesantísimos polas alternativas novidosas e imaxinativas que se fixeron para crear unha inquedanza polos problemas estruturais da economía galega. Os analistas que participaron nel – persoas con autoridade académica e coñecemento dos problemas que tollían o desenvolvemento económico do país- ofreceron para cadanseu  ámbito solucións transformadoras. 
 
Repoboar os montes sen deturpar o seu carácter, a natureza da nosa terra, sen perseguir un inmediato afán de lucro, mais non só baixo ese punto de vista, senón tamén do social e do cultural, escribía no prólogo á edición facsimilar das actas do Congreso Isaac Díaz Pardo, un epígono de galeguismo empresarial que creou unha marca país coaa cerámicas de Sargadelos e do Castro.
 
Estas iniciativas foron recollidas por persoas, que, co paso do tempo, foron dinamizadores da chamada economía autocentrada a partir dos recursos propios de Galicia. Velaí están como exemplos  os irmáns Fernández López e Álvaro Gil, que crearon unha planta cementeira e puxeron en marcha matadoiros. Os Laboratorios Zeltia foron tamén unha feliz iniciativa pioneira para combater as pragas na agricultura e gandeiría que tantos estragos producían. Evaristo Correa Calderón, avogou por reutilizar o patrimonio inmobilario pacego que xa empezaba a presentar síntomas de derrube polo abandono dos seus propietarios para crear con eles unha rede de casas rurais e castelos e atraer o turismo.  Nese contexto congresual hai que situar as Augas mineromedicinais  e o Hotel Mondariz, aos  que Enrique Peinador Lines lles deu  proxección internacional.
 
Lendo as conclusións do congreso observamos como  aqueles visionarios sabían que Galicia non acadaría o progreso que merecía se todo pivotase nos ideais do Rexurdimento arredor da literatura. Ese debate deuse tamén  no seo das Irmandades da Fala. A literatura, como expresión da identidade galega no futuro non sería a ferramenta transformadora para a galeguización do país. Isto mesmo dicíano os fundadores da Revista de Economía de Galicia en 1958, que foi tamén outro instrumento eficaz para analizar migalleiramente os problemas estruturais de Galicia. Algúns do que formaban parte do consello de redación casualmente participaran no 1º Congreso de Economía de Galicia.
 
O Foro E. Peinador recolleu ese pensamento para a reconstrución da identidade galega, convidando a Embutidos Lalinenses a sumarse a este proceso de galeguización. Os seus directivos escenificaran  nun acto o reencontro entre a empresa e a galeguización do país. Desde entón a incorporación da lingua galega na etiquetaxe dos seus produtos reforzou a imaxe corporativa da empresa en clave galeguista. Na miña intervención naquel acto dixen que o futuro da lingua galega non está asegurado coa publicación de obras literarias.Ese futuro estará garantido cos novos neotrovadores que teñen que ser empresarios;  estes faran posible que a lingua galega conquiste outros espazos sociais decisivos para a autoidentificación do pobo galegos cos seus valores patrimoniais. A perspicacia dos directivos da empresa foi un éxito porque atoparon nos mercados a complicidade duns consumidores ávidos de produtos de calidade etiquetados en galego.
 
Os Premio Bacelos de Prata, que anualmente conceden a Asociación Álvaro das Casas e Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros, entidades que como o Foro E. Peinador, forman parte do colectivo Galeguizar Galicia, concedéronlle a Embutidos Lalinense e á Adega Bordel tan merecidos galardóns recoñecéndolles asi que a calidade e galeguización fan bo xuntoiro.
 
Os  consumidores se optan polos  produtos etiquetados en galego farán posible que Galicia sexa cada vez máis galega e próspera. O próximo día 4 de outubro, ás 12:00 horas  en acto solemne e público, celebrarase no Pazo dos Ulloa en Esposende (Ribadavia), a concesión tales distincións ás empresas referenciadas. Serán benvidos todas aquelas persoas que queiran acompañarnos.

Embutidos Lalinenses
Embutidos Lalinenses | Fonte: Foro Peinador
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA